O salario galego sitúase no posto 12 do ranking por autonomías

Sobe un 0,9% no primeiro trimestre ata situarse en 1.610 euros, pero segue afastado da media española, que alcanza os 1.829. 


|

Tuneltraballadores


O custo salarial subiu en Galicia un 0,9% no primeiro trimestre respecto ao mesmo período do ano anterior, ata situarse en 1.610,01 euros, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).


Aínda que a evolución na comunidade do custo salarial (que comprende todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie) confronta coa do conxunto estatal, onde baixou un 0,2%, este concepto segue aínda para os traballadores galegos por baixo da media, que alcanza os 1.829,13 euros.


De feito, por hora efectiva, en Galicia, o custo salarial situouse ata marzo en 11,74 euros, o que supuxo unha rebaixa do 3,6% (en todo o estado está en 13,5 euros tras caer un 4,5%).


O custo laboral total (que inclúe as remuneracións e as cotizacións sociais) no caso dos traballadores galegos incrementouse un 0,3% no primeiro trimestre en taxa anual, fronte ao mantemento sen variación para a media das comunidades.


Mentres en Galicia alcanza os 2.209,76 euros, para toda España ascende a 2.481,75 euros. Así as cousas, Galicia sitúase no posto décimo segundo no ranking por autonomías.


Por hora efectiva, o dato galego é de 16,11 euros, despois de reducirse un 4,2% en 12 meses; e a cifra global, que diminuíu un 4,3%, rexistra 18,32 euros.


Os outros custos descenderon na comunidade galega un 1,2%, ata 599,75 euros. Para a media, con todo, repuntou un 0,5% e chegou a 652,62 euros. Por hora efectiva, en Galicia os outros custos sitúanse en 4,37 euros, un 5,8% menos; e no estado en 4,82 euros, un 3,8% menos.


XORNADA LABORAL


Galicia ten 150,7 horas pactadas por traballador e mes: as efectivas quedan en 137,2 e as non traballadas alcanzan 14,1.


A tempo completo, as horas pactadas para os traballadores galegos supoñen 169,1, pero as efectivas baixan a 153,7, con 16 horas non traballadas.


Pola súa banda, na xornada a tempo parcial, o pacto é de 84,4 horas e o que en efecto se traballa, 77,8 horas, cun total de sete horas non traballadas.


Por outra banda, as vacantes foron 3.486 no primeiro trimestre do ano en Galicia, un 4% sobre o total. O 90,9% debeuse a non necesitar ningún traballador máis, o 6,9% polo elevado custo de contratación e un 2,2% a outros motivos.


A INDUSTRIA, ÚNICO SECTOR QUE ELEVA O CUSTO LABORAL


Segundo o INE, a industria foi o único sector que elevou o seu custo laboral no primeiro trimestre, un 0,9% interanual, ata os 2.967,8 euros. Por contra, o custo laboral reduciuse un 1,3% na construción, ata os 2.455,3 euros, e un 0,1% nos servizos, ata os 2.393,6.


No caso do custo salarial, o maior descenso tamén llo anotou a construción (-1%), seguido dos servizos (-0,3%). A industria, pola súa banda, elevouno un 0,8%, ata os 2.178,7 euros por traballador e mes.


A peche do primeiro trimestre, o salario ordinario máis elevado correspondeu á industria (1.902 euros por traballador e mes), un 0,3% máis que no primeiro trimestre de 2016, seguido da construción, con 1.600 euros (-0,2%), e os servizos, con 1.588,5 euros, a mesma cantidade que no primeiro trimestre de 2016.


A HOSTALERÍA, ONDE MENOS SE COBRA


Por actividades económicas, a subministración de enerxía, gas vapor e aire acondicionado e as actividades financeiras son as que presentan os custos laborais máis elevados, con 5.903,7 e 5.487,5 euros por traballador e mes, respectivamente, mentres que os menores corresponden aos outros servizos (1.648,1 euros) e a hostalería (1.464).


Os crecementos interanuais máis significativos dos custos laborais no primeiro trimestre anotáronos as actividades inmobiliarias (+4,8%), actividades profesionais (+4,1%) e actividades financeiras (+3,3%). Por contra, as maiores caídas rexistráronse en información e comunicacións (-3,5%), Administración Pública (-2,9%) e transporte e almacenamento (-2,3%).


MADRID E PAÍS VASCO TEÑEN OS SOLDOS MÁIS ELEVADOS


Por comunidades, os custos laborais máis altos rexistráronos Madrid (3.023,2 euros por traballador e mes), País Vasco (2.859,4 euros), Navarra (2.635,7) e Cataluña (2.590,8), mentres que os máis baixos déronse en Estremadura (1.972,2) e Canarias (2.117,9).


As dúas comunidades de cabeza, Madrid e País Vasco, superan en máis de 350 euros a media nacional (2.481,7 euros), mentres que as dúas últimas, Canarias e Estremadura, atópanse máis de 350 euros por baixo.


XORNADA SEMANAL DE 34,2 HORAS


A xornada media pactada foi de 34,2 horas á semana, aínda que a efectivamente traballada foi de 31,1 horas tras descontar as horas perdidas de media á semana (3,2 horas, a maioría por vacacións e días festivos) e sumar as horas extra.


Segundo tipo de xornada, a diferenza salarial entre os traballadores a tempo completo e parcial é de 4,58 euros por hora, con 14,14 euros por hora para os primeiros, e 9,56 euros para os segundos.


Os traballadores a tempo completo realizan 35,3 horas de traballo efectivo á semana, case o dobre que os que están a tempo parcial (18,2 horas).

relacionada O salario galego colócase no podio dos máis baixos de España no último lustro
relacionada Os galegos necesitamos aforrar 27 anos para poder comprar unha vivenda
relacionada Os galegos cobramos uns 490 euros menos ao mes que os traballadores europeos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE