Condena ao Sergas por "discriminación por razón de sexo" a unha médica de Ourense

Negouse a pagar as gardas que a facultativa non puido realizar por estar de baixa por embarazo de risco


|


JuzgadocontenciosoadministrativoOurense

Por primeira vez en Ourense, unha sentenza falla que o Sergas abone a unha médico as gardas que non puido realizar durante o seu embarazo e despois de dar a luz por estar de baixa por risco para a súa saúde e a do bebé. A resolución estima que a negativa a abonar estas gardas supón "unha discriminación por razón de sexo".


O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense estimou o recurso dunha médico especialista do hospital público da cidade a quen o Servizo Galego de Saúde rexeitou abonar as gardas correspondentes a dous períodos do ano 2012 nos que estivo de baixa por risco no seu embarazo.


A sentenza recoñece ás mulleres que traballan na sanidade pública o dereito a cobrar o complemento retributivo das gardas nas situacións de baixa temporal por embarazo de risco e maternidade.


Para o maxistrado "é evidente" que se a unha facultativa "se lle priva dun concepto retributivo tan relevante como o das gardas" que habitualmente realiza e percibe, "pola única razón do seu embarazo e parto", estáselle causando unha "discriminación por razón de sexo".


UN DILEMA QUE NON AFRONTAN OS SEUS COMPAÑEIROS


Abunda na súa explicación que coa perda desta contía económica a súa "lexítima decisión" para ser nai "atoparíase limitada e desincentivada, de maneira moi significativa, pola perda dunha boa parte das súas retribucións".


Para o maxistrado trátase dunha discriminación en razón ao seu sexo, porque poñería á muller enfronte a un dilema "no que nunca se acharían os seus compañeiros homes".


O Sergas rexeitara o pago destas gardas en base a que as Leis de orzamentos de Galicia de 2013, 2014 e 2015, sinalan que non se poden satisfacer percepcións retributivas ou asignacións económicas, entre elas as gardas, cando non exista prestación efectiva dos servizos motivada por situacións de incapacidade temporal.


A sentenza sinala que a entrada en vigor desta normativa produciuse "en data posterior á baixa" da muller (2012) e que non ten efecto retroactivo.


Pero ademais, a sentenza resalta que esas situacións de incapacidade temporal refírense a casos xenéricos como enfermidades ou accidentes "comúns a homes e mulleres".


"NIN ENFERMIDADE, NIN ACCIDENTE"


"O embarazo e o parto que dan causa á baixa temporal non son nin unha 'enfermidade', nin un accidente ou sinistro", sinala o maxistrado.


Nesta liña, incide en que, ambos os casos, "son unha situación especial que só afecta as mulleres" e que se rexe "por normas e principios tamén especiais cuxa finalidade é a de que non padezan prexuízo laboral algún pola devandita causa". Por estes motivos condena ao Sergas a abonar as gardas polos períodos nos que estivo de baixa temporal.


Como a contía do litixio é inferior a 30.000 euros non cabe recurso de apelación. Si cabe, no seu caso, recurso de casación, que haberá de prepararse ante este Xulgado no prazo de 30 días. 

relacionada Un verán "a pleno rendemento" para reducir as listas de espera hospitalaria
relacionada "Entre o 15 e o 20%" das camas do Sergas estarán pechadas este verán
relacionada Condena ao Sergas por "discriminación por razón de sexo" a unha médica de Ourense

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE