Martiño Noriega tentará "soltar lastre" na segunda metade do seu mandato
O rexedor lembrou que levan dous anos "con poucos efectivos no goberno" e "pouca colaboración por parte da oposición".
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, avanzou na mañá deste xoves que delegará parte das súas competencias, no marco da remodelación que levará a cabo da configuración do seu equipo de goberno.
"Estou tentado a soltar lastre, porque teño grandes áreas, a maiores, toda a carga de representación; e vou axustado", admitiu Noriega, quen dará a próxima semana máis información respecto diso.
Neste sentido, confirmou que "aínda non está feita a repartición" e que, "a falta de falar con algúns concelleiros", este "axuste puntual" permitirá ao goberno local "seguir aproveitando as enerxías para este segundo tramo da lexislatura".
O rexedor, ademais, lembrou que levan "dous anos con poucos efectivos no goberno, con grandes áreas e con pouca colaboración por parte da oposición" e mencionou, nun símil co fútbol, que nestes dous anos "sanearon" un concello que, segundo dixo, o Partido Popular deixou en "rexional preferente".
Escribe o teu comentario