A patronal de transporte esixe á Xunta a cancelación dun plan "catastrófico"
Reclaman un novo texto que se faga sen "présas" e mostran as súas sospeitas de que Infraestruturas busca dar "todo" a unha multinacional.
A tres principais federacións de transporte de viaxeiros en autobús en Galicia --Anetra, Fegabús e Transgacar-- esixiron á Xunta que retire o seu futuro plan de transporte, posto que "condena" ao peche a "a maioría" de pequenas empresas no rural.
En rolda de prensa en Santiago, Carlos García Cumprido, de Transgacar, avisou de que este plan é "catastrófico" a nivel empresarial e "desastroso desde o punto de vista funcional", no que identifica "múltiples erros" debido a que "se fixo con présas" e sen "un estudo serio e rigoroso".
Estas tres federacións representan ao 90% das firmas afectadas polo futuro plan de transporte da Xunta --que na súa primeira fase supón 42 novos contratos e deberá estar lista en agosto--, e mostran as súas sospeitas de que "o obxectivo que persegue" o Goberno galego é que "unha multinacional se faga cargo de todo". Nesta cita estiveron presentes tamén Aurelio Cuíña, de Fegabús, e Fidel Martínez, de Anetra.
Entre eses "erros", Carlos García identifica que se contemplen "unha serie de servizos que non teñen lóxica", con horas "totalmente intempestivas", escolares que "chegan ao mediodía" e "rutas que non existen por estrada", entre outros.
Unha cuestión que provoca que "o 80 por cento das empresas" presentasen alegacións ao plan, que foi feito "sen participación" de empresas, concellos nin ampas.
Tamén Aurelio Cuíña chama a atención sobre que "non hai por onde coller" o estudo económico da Xunta, con déficits de "entre o 40 e o 50 por cen" nalgúns lotes, "con perdas de entre 400.000 e 500.0000 euros" para pequenas empresas.
DESPEDIMENTOS E PRECARIZACIÓN
O feito é que son 42 zonas diferentes e as federacións quéixanse de que, aínda que a Xunta anime a presentarse en forma de unión de empresas (UTE), as compañías "só" tiveron "dez días" para analizar o texto e presentar alegacións.
Así, as novas zonas "requiren ter frotas por encima dos 10-15 vehículos", mentres a maioría das empresas de Ourense e Lugo contan con menos autobuses, polo que "se van a ver fóra de poder" concorrer.
Ademais, coinciden cos sindicatos en que este novo plan provocará despedimentos e "unha precarización importante" nas condicións dos traballadores, así como "un novo recorte" nas achegas públicas ao transporte.
NOVO PLAN "CON TEMPO"
Por todo iso, reclaman a retirada do plan e que se impulse outro "con tempo e reflexión" que dea resposta "realmente" ás necesidades de mobilidade, que permita que o tecido empresarial no rural "siga existindo" e "garantir que os alumnos sigan tendo o servizo coa calidade que tiñan".
Nesta liña, estas federacións dinlle á Consellería de Infraestruturas que non é necesario que "si ou si" estea a primeira fase do novo plan en agosto.
Para levar a cabo estes servizos mentres se negocia de forma adecuada un novo plan, as compañías ofrécense a dar "continuidade ás explotacións" con reestruturacións que sexan necesarias para que as liñas sexan menos deficitarias como, por exemplo, distribuírse por días para ir a determinados sitios no canto de ter que ir todas as xornadas, poder usar microbuses para algúns traxectos. Se aínda así se segue con perdas, piden que haxa compensacións por parte da Xunta.
Así mesmo, lembran estas federacións que esta situación vén dun plan de modernización de 2009 co PP xa na Xunta para a prórroga das concesións de transporte público durante unha década, o cal buscaba "compensar" os investimentos de máis de 100 millóns para a modernización do sector. Pero isto "viuse truncado" por unha sentenza do Tribunal Supremo de 2016 que anulou ese plan.
Posteriormente, García remarca que as compañías que estaban a realizar liñas transporte no rural "decidiron non acudir á invitación que fixo a Xunta" para continuar cos servizos, dado que eran deficitarios.
"Nós non renunciamos nunca a prestar servizo de transporte e non renunciamos a cumprir coas nosas concesións, simplemente deixamos de facer aquelas que estaban caducadas e son moi deficitarias", aclara Carlos García.
PROBLEMAS EN TRANSPORTE ESCOLAR
Tamén alertan estas federacións da desaparición do transporte escolar "como se coñecía ata agora", pois augura que este plan provocará diversas incidencias para os menores.
Aurelio Cuíña lembrou que levar escolares en autobuses de liñas regulares xa se fixo hai 20 anos, e "a propia" Xunta "acabou con el porque non funcionaba", pois "os nenos tíñanse que adaptar ás liñas regulares, ás súas paradas, aos seus horarios".
En cambio, lembra que o Tes + Bus leva dez anos funcionando e aposta por que se incida neste modelo, pero "non cambiar o sistema totalmente" para "pasar aos rapaces a un modelo (de liña) regular".
A modo de exemplo, pregúntanse que pasará cun neno que chegue á súa parada na que non estea o proxenitor, pois o autobús deberá continuar a súa viaxe para chegar en hora.
COMPETENCIA
Preguntado sobre a investigación aberta pola Comisión Galega da Competencia acerca das renuncias de empresas de liñas de bus, o representante de Transgacar afirmou que as compañías "non teñen a máis mínima preocupación" porque foron "escrupulosos" coa lei.
A continuación, Carlos García sostivo que "a lei contempla o dereito" para deixar de prestar o servizo, mentres que "non teñen obrigación legal" de realizalo.
"Non sabiamos que a Consellería manexaba isto de outorgarlle por adxudicación directa todo a unha multinacional soa, porque senón diríaselle a Competencia, por certo, mira a ver se iso pode ser unha práctica restritiva da competencia", apostila.
Aquí pregúntase Carlos García "que beneficio ten Galicia" con que unha multinacional leve todas as liñas e se acabe co traballo do "cento por cento" das empresas da provincia de Ourense, o 80 por cento de Lugo, así como parte de Pontevedra e A Coruña.
Finalmente, explicaron que o sector do transporte está convocado o vindeiro venres pola mañá a unha reunión en Santiago con sindicatos e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Escribe o teu comentario