Maratón contra Altri, varios atletas percorrerán 51 km entre Melide e Santiago
"A idea partiu duns corredores que pensaron que era unha boa idea correr coas camisetas contra Altri e a reapertura da mina para visibilizar a necesidade que hai de parar estes proxectos", explica a portavoz da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, Che Cancelo
Un total de 14 corredores de montaña realizaron este domingo un maratón de 51 quilómetros entre Melide e Santiago de Compostela para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas de Rei e a reapertura da mina de Touro-O Pino, impulsada por Cobre San Rafael.
Esta acción de protesta, ideada polos corredores e apoiada polas principais plataformas veciñais en contra (Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non), serviu de antesala á manifestación do próximo domingo, 14 de decembro, en contra de Altri, que aspira a seguir o ronsel da de 2024, que congregou a miles de persoas e desbordou o Obradoiro.
"A idea partiu duns corredores que pensaron que era unha boa idea correr coas camisetas contra Altri e a reapertura da mina para visibilizar a necesidade que hai de parar estes proxectos", explica a portavoz da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, Che Cancelo, que os define como os "perigos ambientais máis importantes" de Galicia.
Os corredores saíron ás 07.30 horas desde Melide e chegaron á capital galega ás 13.30 horas, onde foron recibidos no Obradoiro por compañeiros e prensa. O percorrido era un tramo do Camiño de Santiago, que realizaron en seis horas e tres etapas, cunha pequena parada de abituallamiento no Monte do Gozo.
"A presión social é a única forma de parar estes proxectos", apunta Cancelo, que anima a "manifestar" o rexeitamento contra eles en accións como esta ou a manifestación do 14 de decembro. "O Goberno galego está a facilitar ás empresas", critica e, por iso, ve "importantísimo presionar nestes momentos".
Escribe o teu comentario