O prezo dos billetes será de 1,40 euros nas novas liñas de autobús
O DOG publica os 42 anteproxectos de explotación e as empresas teñen dez días, a partir do mañá, para mostrar o seu interese.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda marca un prezo de 1,40 euros por billete para os usuarios xerais nos novos contratos de medio e curto percorrido que sacará para prestar o servizo nun total de 500 liñas. Ademais, nos de longa distancia, o pago será en función dos quilómetros.
Diso informou a titular do departamento autonómico, Ethel Vázquez, que explicou que este mesmo martes o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica os 42 anteproxectos de explotación destes novos servizos, que serán de transporte integrado --escolar e xeral-- e que cubrirán as zonas afectadas polas renuncias das concesionarias ás liñas en agosto de 2016.
Na rolda de prensa tamén participou o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, que precisou que tras a publicación no DOG, as empresas interesadas teñen, a partir do mércores, un prazo de dez días naturais para trasladar o seu interese á Xunta en prestar estes servizos "viables e economicamente atractivos". Neste período, os interesados, como os concellos, tamén poderán presentar alegacións.
Unha vez terminado este proceso, a Xunta estudará as alegacións para, ao longo do mes de xuño, aprobar os proxectos definitivos e iniciar a súa contratación para que en agosto se comece coa implantación dos novos servizos.
INTEGRACIÓN DE SERVIZOS
Con estes novos contratos, catro de longa distancia e 38 "zonais", a Xunta busca "garantir o servizo e melloralo" xa que os usuarios xerais verán incrementadas as paradas tendo en conta que estas 500 liñas, o "10% do total das existentes en Galicia, integrarán o transporte xeral co escolar".
A combinación destes dous modelos, sinalou a conselleira, motiva que as concesionarias terán que introducir en todos os autobuses integrados a figura dun acompañante que velará polo benestar dos alumnos.
Ademais, tamén precisou que o obxectivo é garantir o dereito dos alumnos, polo que buscará que non afecte os horarios habituais. "O prioritario é cumprir cos servizos escolares, tanto en percorridos como en horarios", incidiu.
TRANSPORTE A DEMANDA
Con todo, fóra do calendario escolar, estas 500 liñas que estarán afectadas polos novos contratos cubriranse co modelo de transporte a demanda mentres que outras manterán os percorridos establecidos de forma regular.
Así, Ethel Vázquez precisou que "serán os mesmos percorridos" pero que o usuario demandará o día anterior a través dunha central de chamadas, que será a encargada de adaptar o vehículo que prestará o servizo ao número de persoas que o queiran utilizar.
En concreto, este novo modelo de transporte afecta 200 municipios situados na práctica totalidade da provincia de Ourense e en parte da de Lugo. Ademais, de forma máis residual, hai zonas afectadas en Pontevedra e menos A Coruña, en función da cantidade de empresas que renunciaron en agosto do pasado ano a prestar os servizos.
Por iso, o novo modelo permitirá que máis de 1,7 millóns de persoas teñan unha parada de autobús a menos de 500 metros ao pasar de 2.100 a 4.500 paradas.
FASES
A publicación destes anteproxectos representa un dos primeiros pasos para a posta en marcha, o próximo mes de agosto, da primeira fase do Plan de transporte público de Galicia que se enmarca na reordenación global do sistema de transporte público en Galicia, que culminará coa aprobación definitiva do plan, en decembro de 2019.
O Parlamento galego aprobou o pasado ano a Lei 10/2016 de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, que establecía as actuacións que debe seguir a Administración para adaptar o sistema ás necesidades da sociedade en materia de mobilidade, a través da elaboración dun Plan de transporte público.
De acordo con esa lei e dado que unha parte importante das actuais concesións de transporte público regular perderán a súa vixencia o próximo mes de agosto, a Xunta centra esta primeira fase na reordenación das zonas afectadas pola caducidade inminente das concesións.
Escribe o teu comentario