O primeiro Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Nacional amplía o seu cartel
Haberá máis de 300 actividades, 40 de nova creación | Contará con un orzamento de 260.000 euros e espera un retorno para a cidade de 12 millóns de euros.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este luns o programa da que será a edición número 16 do Arde Lucus, que contará con máis de 300 actividades e prevé un retorno económico de 12 millóns de euros para a cidade.
A festa de recreación do pasado romano da localidade contará, así, con 40 actividades que terán un carácter novo, segundo confirmou tanto a rexedora como a concelleira de cultura, Carmen Basadre, que participou tamén no acto, do mesmo xeito que o presidente da deputación, Darío Campos.
A edición deste ano da festa, recoñecida de interese turístico galego e desde marzo deste ano tamén con carácter nacional, arrincará o 30 de xuño e estenderase ao un e dous de xullo. Nela, participarán 44 asociacións, 18 delas de Lugo.
A alcaldesa destacou que este "é un ano especial" para a celebración, dado que "con tan só 16 anos de vida" conta con "dous distintivos": o de festa de interese turístico galego e o de interese turístico nacional. "Podemos presumir de ser das primeiras festas que consegue este distintivo (nacional) en tan pouco tempo de vida", subliñou.
O presidente da deputación, Darío Campos, incidiu en que este evento, que revive o pasado romano da cidade amurallada, é "mérito dos veciños". "O importante é que esta festa teña o alcance que ten, que sexa das máis recoñecidas", salientou.
ACTIVIDADES DE ÉXITO E NOVIDADES
Pola súa banda, a concelleira de cultura, Carmen Basadre, precisou que se manteñen "as actividades de máis éxito", como o "circo romano, a loita de gladiadores" ou as vodas romanas e castrexas, que "suman cada ano máis de trescentas persoas". Ademais, o sábado continúase co desfile de tropas romanas e castrexas pola Rolda da Muralla.
Entre as novidades, destaca o espectáculo 'As Fillas de Apolo', ademais de que "todos os grupos de teatro da cidade estrearán unha obra (ao redor do Arde Lucus) con representacións pola rúa.
O orzamento para este ano é de 260.000 euros, distribuíronse 45.000 programas e máis de 17.000 carteis. Todos os espectáculos serán gratuítos, salvo o do circo romano, cun prezo de tres euros, aínda que para participar nas distintas actividades programadas hai que inscribirse na páxina web www.entradaslugo.es.
Escribe o teu comentario