Acreditados a cátedra da USC acusan á reitoría de manipular os criterios de selección
Tildan a proposta do reitor, na que o criterio de antigüidade é o único que fai precedible o proceso, de "opaca" e en "clave clientelar".
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vai decidir este luns 12 de xuño os criterios para seleccionar aos seus catedráticos e catedráticas. "Os membros do Consello de Goberno teñen nas súas mans escoller entre impulsar criterios transparentes, académicos e acordados cos afectados e os representantes dos traballadores ou apoiar a proposta que achega o equipo reitoral", relatou o colectivo de acreditados a cátedra da USC nun comunicado.
E é que, ao seu xuízo, a proposta do equipo reitoral é "opaca" e non conta co "acordo" do colectivo nin da mesa de representación sindical, ademais de facer "unha aposta por criterios impropios dunha universidade que aspire á excelencia".
"O colectivo de acreditados apoiou coa firma dun 90 por cento dos seus membros que o criterio de creación de prazas sexa o de antigüidade por ser o único criterio que fai predicible o proceso, susténtase nunha avaliación externa por pares e non tensiona os departamentos", explicou o propio colectivo.
A continuación, este colectivo cargou contra o reitor da USC, Juan Viaño, quen, ao seu xuízo, "pretende revestir con fórmulas opacas o que é unha decisión en clave clientelar".
"Quere poder controlar para quen son as poucas prazas de promoción. Iso explica a extravagancia de criterios escollidos, contrarios aos principios de mérito e capacidade, e mesmo contraditorios coa postura que tiña o reitor noutros momentos", denunciou o colectivo.
Escribe o teu comentario