O West Bromwich será o primeiro rival do Dépor no Teresa Herrera

O conxunto inglés terminou décimo este ano na Premier. No torneo feminino enfrontarase ao Athletic Club.


|

WestbromwichImaxe de un partido do West Bromwich na Premier. //Fonte: RC Deportivo

O Estadio Municipal de Riazor acollerá o vindeiro sábado 5 de agosto unha nova edición do torneo amigable máis antigo do mundo, o Teresa Herrera, que este verán alcanza o seu septuaxésimo segunda edición. Nun trofeo con tanta historia, o rival do RC Deportivo será un dos equipos históricos do fútbol inglés e mundial, o West Bromwich Albion, tal e como informa o RC Deportivo na súa web. Así mesmo, na quinta edición do Teresa Herrera feminino, o Deportivo Abanca enfrontarase ao Athletic Club, un dos clásicos de LaLiga Iberdrola.


A piques de cumprir os 140 anos de existencia, pois foi fundado en 1878, o West Bromwich Albion é un dos vinte clubs máis antigos de Inglaterra e un dos 12 membros fundadores da Football League, en 1888. O WBA, como é coñecido, pasou a maior parte da súa historia na máxima categoría do fútbol inglés.


Así como a súa historia ligueira garda certa similitude coa do RC Deportivo, co seu palmarés ocorre outro tanto do mesmo. O WBA ten un título da máxima categoría nas súas vitrinas (1919-1920), ademais de 5 Copas (1888, 1892, 1931, 1954 e 1968), 1 Copa da liga (1966) e 2 Charity Shields, a Supercopa inglesa (1920 e 1954). Ademais, o seu equipo xuvenil tamén conquistou nunha ocasión o campionato inglés (1976).


Nos últimos anos, o WBA logrou estabilizarse na complicada Premier League. Na tempada recentemente concluída, o WBA finalizou nunha cómoda décima posición, con 45 puntos, grazas a 12 vitorias e 9 empates. O seu máximo goleador foi o venezolano Salomón Rondón, ex xogador das Palmas e Málaga, con 8 tantos.


Non será a primeira vez que o West Bromwich Albion visite Riazor, pois xa sabe o que é disputar o torneo amigable máis antigo do mundo. O WBA é un dos seis equipos ingleses que disputou nalgunha ocasión o Teresa Herrera, xunto con Newcastle United (1960 e 2010), Stoke City (1975), Manchester United (1984), Everton (1987) e Liverpool (1988). Con todo, nunca se enfrontou ao Dépor.


ATHLETIC CLUB NO FEMININO


O Athletic Club será o rival do Deportivo Abanca na quinta edición do Teresa Herrera feminino. O conxunto de Manu Sánchez enfrontarase ás 'leoas' nos prolegómenos do torneo masculino, como sucedeu o pasado verán co encontro fronte ao Vilarreal (vitoria do Dépor nos penaltis tras o 2-2).


O equipo bilbaíno é un clásico do fútbol feminino nacional. Dirixido por Joseba Agirre (ex xogador do Athletic e do Celta, entre outros clubs), vén de concluír a liga Iberdrola 2016-2017 na quinta posición, só superado por Atlético de Madrid, Barcelona, Valencia e Levante.


Fundado en 2002, militou desde entón na máxima categoría nacional, conquistando o título en 5 ocasións (2002-2003, 2003-2004, 2004-2005, 2006-2007 e 2015-2016). A Copa da Raíña, con todo, resístese ao conxunto vasco, que disputou e perdeu dous finais, en 2012 (1-2 ante o Espanyol) e 2014 (1-1 e 4-5 por penaltis ante o Barcelona).


Dépor Abanca e Athletic Club xa se enfrontaron o 22 de outubro na final do Torneo do Aurrerá en Vitoria, con triunfo branquivermello por 2-0.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE