O Parlamento aproba crear xulgados para cláusulas chan nas sete cidades galegas

Os catro grupos parlamentarios aprobaron a proposición non de lei do PSdeG para facer fronte ao "probable aluvión de demandas". 


|

Clausulassuelo 1


O Parlamento de Galicia instou á Xunta a solicitar ao Goberno do Estado, escoitando ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), a creación 'ex novo' de sete xulgados de reforzo na Comunidade galega para facer fronte ás demandas polas cláusulas chan, "sempre que o ingreso de demandas sexa superior a 900 por xulgado".


Os catro grupos da Cámara aprobaron este mércores por unanimidade esta proposición non de lei despois de que o grupo autor da mesma, o PSdeG, transaccionase a súa iniciativa coas demandas que pedían incluír os populares galegos que reclamaban seguir as indicacións que o CGPJ dese nesta materia.


En concreto, na sesión do martes, a deputada socialista Patricia Vilán pediu a creación destes sete xulgados (un en cada capital de provincia, en Vigo, en Ferrol e en Santiago) cos medios necesarios para facer fronte ao "probable aluvión de demandas" relativas a estas cláusulas.


E é que, segundo lembrou, "os profesionais xa denunciaron" que o modelo aprobado polo Goberno central para facer fronte a estas cuestións "vai ser ineficiente", "que provocará uns atrasos ante os que os únicos prexudicados serán os cidadáns".


A pesar das diferenzas mostradas no debate, socialistas e populares chegaron a un acordo que motivou que a iniciativa vise luz verde.


APOIO DE BNG E EN MAREA


Xa o martes, tanto BNG como En Marea avanzaron o seu apoio a esta proposición non de lei. Así, en primeiro lugar, a deputada nacionalista Noa Presas cualificou as medidas tomadas polo Executivo estatal de "tomadura de pelo".


"Había outras alternativas como sistemas de arbitraxe ou exercer as competencias exclusivas de consumo para establecer algún mecanismo que fiscalizase se as ofertas de trato están a ser xustas", sinalou.


Pola súa banda, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, acusou o Partido Popular de ser o "responsable" dun "novo caos" na Xustiza. "Din defender a Xustiza... Defendela si, pero sen medios", censurou.


Así mesmo, denunciou a "conivencia" dos populares coa banca, á que "non estimulan" para cumprir a legalidade ou para que chegue a un acordo coas "vítimas" e criticou tamén que este sistema beneficie á banca ao provocar que os denunciantes sexan os que deben desprazarse ás capitais de provincia.

relacionada Os xuíces temen colapsos nos xulgados para cláusulas chan
relacionada As sete cidades galegas suman máis dun milleiro de demandas de cláusulas chan

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE