Propoñen fixar as vacacións escolares de primavera nos primeiros días de abril
Este martes se reune a mesa sectorial docente, na que UXT impulsa desvincular da Semana Santa o descanso.
O sector de ensino de UXT presentará este martes na mesa sectorial docente unha proposta de calendario escolar "máis equilibrado" coas vacacións de primavera nos 10 primeiros días de abril.
O sindicato reiterará "a necesidade de crear comisións provinciais" para tratar sobre as materias afíns, e demandará un concursiño para facilitar a mobilidade voluntaria do persoal docente.
A secretaria xeral de FeSP-UXT Galicia, Irene Martínez, lembrou que en abril iniciaron unha campaña para a regulación das materias afíns e engadiu que tamén piden unha reunión co conselleiro para presentarlle a súa proposta de calendario sen "resposta algunha", máis aló da convocatoria habitual da mesa sectorial. "É así como a administración de ensino entende o diálogo e a negociación", criticou.
SEMANA SANTA VARIABLE
Gerardo Morano explicou que a proposta do calendario ten como obxectivo prioritario "racionalizar os períodos de traballo de docentes e alumnos, establecendo unhas vacacións fixas nos primeiros días de abril". Desta forma, segundo argumentou, desvincularíase o calendario escolar das vacacións de Semana Santa que, ao ser variables, poden crear períodos lectivos moi breves ou moi longos.
"Esta proposta está baseada en criterios pedagóxicos, xa que permite que haxa uns períodos lectivos máis equilibrados, así como marcar unhas vacacións fixas, polo que será máis sinxelo a conciliación da vida familiar, ao coincidir as vacacións sempre nas mesmas datas", segundo UXT.
Ademais, Morano insistiu na necesidade de que "se abra o debate para alcanzar un consenso entre todas as partes para racionalizar os períodos de traballo e descanso de alumnos e docentes".
Escribe o teu comentario