Publicada a proposta de calendario escolar para o curso 2017-2018 en Galicia
Fixa o 11 de setembro o inicio das clases en Primaria e o 15 na ESO, Bacharel e FP; e a súa finalización o 21 de xuño para ambas.
A proposta da Consellería de Educación para o calendario escolar do próximo curso, que se abordará na Mesa Sectorial convocada para o martes 6 de xuño, sitúa o inicio das clases no segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial no día 11 de setembro e a súa finalización o 21 de xuño de 2018, ambos incluídos.
Na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e na Formación Profesional, proponse, así mesmo, segundo a documentación que a CIG publica na súa páxina web, que as clases arrinquen o 15 de setembro de 2017 e se prolonguen tamén ata o 21 de xuño.
Ademais, nos ensinos de réxime especial, proponse que as actividades lectivas se realicen entre os días 15 de setembro de 2017 e 30 de xuño de 2018, de acordo cos calendarios de probas de acceso e de certificación establecidos para cada unha delas.
No que respecta aos períodos vacacionais, a proposta de Educación esténdeos en Nadal entre o 22 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018; en Entroido os días 12, 13 e 14 de 2018; e en Semana Santa, desde o 24 de marzo ata o 2 de abril de 2018.
DESTINOS E CALENDARIO
Á marxe do calendario, na reunión tamén se abordará a adxudicación de destino provisional no curso 2017-2018 para o persoal de mestres e profesores de Secundaria que non teñan destino definitivo; e outras cuestións como os concursos de méritos para cubrir postos de asesorías de centros de formación.
En declaracións a Europa Press, a responsable CIG-Ensino, Anxo Louzao, avanzou que, entre outras cuestións, o sindicato esixirá que haxa "un prazo razoable" entre o momento no que se coñecen os destinos e o arranque do traballo lectivo, tras denunciar casos, "sobre todo en Secundaria", nos que estes "se coñecen dous ou tres días antes".
Escribe o teu comentario