CCOO traslada a UGT e CIG unha proposta de unidade de acción sindical

Negociación colectiva, marco galego de relacións laborais, defensa do emprego, formación e mobilizacións unitarias centran o documento. 


|

Comisionesobrerasramonsarmiento


Comisións Obreiras (CCOO) trasladou a UGT e a CIG un documento dos que considera "puntos de partida" da súa proposta de unidade de acción sindical.


Sintetizada nas 'Bases para unha resposta unitaria da clase traballadora galega', os puntos principais foron expostos este luns en rolda de prensa polo novo secretario xeral, Ramón Sarmiento --na que foi a súa primeira conferencia ante os xornalistas--.


A negociación colectiva, o marco galego de relacións laborais, a defensa do emprego, a formación para o emprego e as mobilizacións unitarias son os cinco aspectos principais da proposta, recolleitos esquemáticamente no documento remitido tanto a UGT como a CIG, e que serán desenvolvidos en documentos anexos máis extensos, segundo aclarou Sarmiento.


REXEITA O "TACTICISMO"


Ramón Sarmiento explicou que a de Comisións configúrase como unha "proposta aberta" que sente as bases para iniciar cos outros dous grandes sindicatos galegos un proceso de negociación que desemboque nunha posible unidade sindical de acción de CCOO, UGT e CIG. "Está aberta ás achegas que nos formulen os compañeiros da CIG e de UGT", subliñou o sindicalista.


O secretario xeral de CCOO resaltou que no primeiro nivel das tres organizacións, o das empresas e centros de traballo, dáse con "moita frecuencia e de maneira natural" un escenario de unidade.


Por esa razón, apuntou que "non é natural" que as direccións sindicais "por cuestións de tacticismo", desprecen esa unidade que "reivindican os traballadores".


Por este motivo, e sen menoscabo de que cada organización teña "liñas de actuación propia, obxectivos distintos" ou mesmo que nalgún escenario defendan "posicións diferentes", Sarmiento defendeu que "hai grandes obxectivos que teñen que estar por encima", por iso é polo que CCOO fixo un "esforzo de concreción" na súa proposta, xa remitida a UGT e a CIG. Sobre ela, tentarán "traballar conxuntamente nas próximas datas", segundo indicou.


OBXECTIVOS SINDICAIS


No referente á negociación colectiva, o documento sitúa como obxectivo sindical a redución do número de unidades de negociación e reafírmase a aposta polo marco sectorial de regulación.


Para conseguilo, CCOO propón o rexeitamento de novos convenios que empeoren as condicións laborais dos sectoriais, a aposta pola prioridade de aplicación do ámbito galego e a creación dos 'consellos de supervisión' nas empresas con centro de decisión en Galicia que teñan máis de 250 traballadores, entre outras actuacións.


En canto ao marco galego de relacións laborais, o obxectivo sindical, para Comisións, é "potenciar os mecanismos de mediación, tanto no campo colectivo como no individual, e reducir a xudicialización dos conflitos".


Neste punto, expón a mellora do acordo para a resolución extraxudicial de conflitos coa integración do servizo e persoal do actual servizo de mediación, arbitraxe e conciliación, e a ampliación da cobertura territorial mediante unha rede comarcalizada de sedes.


O terceiro punto da proposta, a defensa do emprego, define como obxectivo sindical a anticipación e actuación nos procesos de deslocalización. Para isto, o sindicato avoga por desenvolver un protocolo de actuación para os casos de deslocalización e crise empresarial en Galicia.


No que incumbe á formación para o emprego, o obxectivo prioritario, segundo indica, é facilitar a inserción laboral da mocidade.


Para isto aposta pola regulación autonómica da FP dual --para favorecer o desenvolvemento e o acceso universal e en condicións de non discriminación--, así como reverter os fondos do sistema de formación para o emprego nos centros integrados de FP de titularidade pública autonómica, para convertelos nunha rede pública de centros de formación para o emprego.


MANIFESTACIÓNS CONXUNTAS


Por último, respecto de mobilizacións conxuntas, CCOO cre necesario estruturar unha resposta sindical unitaria en Galicia "que salve as seguras diferenzas conxunturais, normais nun espazo de leal competencia sindical".


Para isto, propón un acordo para facer manifestacións conxuntas "nas datas de referencia común para o movemento sindical", ademais doutras actuacións.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE