Pedro Sánchez ofrece ao alcalde de Valladolid a portavocía da Executiva Federal
Paralelamente e segundo varios medios, Patxi López podería regresar á executiva federal do PSOE a un posto de relevancia.
O alcalde de Valladolid, Óscar Puente, decidirá a semana antes do Congreso se acepta a portavocía da Executiva federal do PSOE, a "máxima responsabilidade" que ve capaz de compatibilizar coa Alcaldía, posto que "non ten responsabilidade de área" e o seu labor "afortunadamente pódese facer desde calquera lugar do planeta" sen necesidade de estar en Madrid.
En declaracións a RNE e a Cadena Ser, Puente confirmou a oferta por parte do secretario xeral electo do PSOE, Pedro Sánchez, para encargarse dos labores de portavoz do partido, algo que publicaba este luns o diario El Norte de Castilla.
Paralelamente, Patxi López podería regresar á executiva federal do PSOE, e a un posto de relevancia, segundo informan varios medios. A proposta foi lanzada por Sánchez a semana pasada, e López decidirá se a acepta ou non.
PORTAVOCÍA CORAL
O alcalde de Valladolid admitiu que necesitará "axuda" para esta tarefa, pero avanzou que podería tratarse dunha "portavocía máis coral", o cal non cre que sexa "unha mala idea".
Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Manuel Saravia, que é socio de goberno do rexedor socialista, recoñeceu que Puente lle comentou este asunto para explicar que non minguaría o seu labor de atención aos cidadáns de Valladolid nin as súas responsabilidades.
"Crémolo", afirmou Saravia, en referencia a esa "compatibilidade" do actual cargo institucional de Puente con ese posto orgánico no PSOE ata o punto de afirmar que sería "unha boa solución".
Escribe o teu comentario