O PSdeG xa bota contas sobre o seu futuro tras a vitoria de Pedro Sánchez

Coas primarias galegas sen data e a executiva federal por conformar, os cargos do partido en Galicia ven frontes abertas polo liderado autonómico.


|

Psdegpsoe


Os apenas 20 días que restan ata a celebración do congreso federal do PSOE, no que Pedro Sánchez someterá a votación o equipo co que liderará o partido nesta nova etapa, abriron unha nova fronte nas filas socialistas en Galicia.


Entre os mellor situados para entrar nesa directiva, segundo fontes consultadas por Europa Press, destaca o vigués Gonzalo Caballero, pois foi un dos principais apoios do madrileño en Galicia.


Con todo, conta co rexeitamento frontal do sector oficial da maior agrupación socialista en Galicia, liderada por quen será membro nato da nova executiva na súa condición de presidente do municipalismo español, Abel Caballero.


Respecto diso, outro factor que non pasan por alto desde a provincia ourensá é o feito de que Pedro Sánchez avanzou que na súa directiva non habería sitio para os 'baróns' territoriais.


É por iso que algunhas voces subliñaron que ese principio non debe valer só para os actuais líderes autonómicos do PSOE, na súa maioría aliñados coa presidenta andaluza, senón implicar que quen acceda á nova executiva non poderán competir nas súas federacións.


OBSTÁCULO OU REFORZO?


Deste xeito, aínda que algúns cargos do partido interpretan que un asento en Ferraz podería supoñer un "reforzo" en termos de liderado a nivel galego, outros advirten de que "se se xoga en Madrid non se xoga en Galicia".


Esa situación podería afectar non só a Gonzalo Caballero, senón tamén a quen compatibiliza un escano no Congreso coa xestora do PSdeG, Pilar Cancela, no caso de que tentase facerse coas rendas do partido.


Escenario diferente parece ter ante si Rocío de Frutos, a única deputada galega nas Cortes que mantivo o 'non' na investidura de Mariano Rajoy, dado que na súa contorna sosteñen que non traballará por liderar o PSdeG.


SEN DATA PARA AS PRIMARIAS


Con todo, polo momento nin sequera hai data para as primarias galegas, tendo en conta que a xestora do PSdeG está desposuída de competencias e que a previsión dos actuais inquilinos de Ferraz era deixar os procesos autonómicos para despois do verán.


Por iso, haberá de ser a nova executiva federal, unha vez constituída, a que decida se, en liña co criterio de Cancela, se axiliza o proceso galego ou se espera ata setembro.


"PANORAMA ABERTO"


Será nese momento cando se visibilice se, como anticipan os resultados dos congresiños para elixir os delegados ao congreso federal, "o panorama" está en Galicia "máis aberto que nunca" e sen un referente claro.


Non só a nivel autonómico, senón tamén no seguinte nivel territorial, coa perda da maioría do 'pachismo' en Ourense, a división patente en Lugo e Pontevedra e co "malestar" existente na Coruña por mor dos "vetos" que impediron que Martín Seco (Arteixo) ou Silvia Fraga (Cerceda) viaxen a Madrid o próximo día 16.

relacionada Pilar Cancela, afín a Sánchez, reclama a todo o PSdeG "sumar e ser leais"
relacionada Só o PSOE da Coruña consegue unha lista de consenso para o Congreso Federal
relacionada "Non vai haber unha vara máxica que elimine as visións internas"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE