Puy: "Non lle vou dicir ao Congreso, ao Grupo Popular, o que ten que facer"

O portavoz do PPdeG no Parlamento discrepa con Agustín Hernández sobre a posición do partido ante a investigación de Angrois.


|

Pedropuyparl


O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considera que corresponde ao Grupo Popular no Congreso dos Deputados a decisión de crear ou non unha comisión de investigación sobre o accidente do tren Alvia en Angrois en xullo de 2013, ocasionando a morte a 80 persoas.


"Esa decisión é unha decisión que lle corresponde tomar ao Grupo Popular no Congreso", defendeu Puy nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, para logo defender a necesidade de que se coñezan as causas do accidente para evitar que se produza un accidente semellante no futuro.


Para iso, remarcou, é "fundamental" que se realice un informe técnico "incontrovertido": "Hai certas dúbidas con respecto ao que se elaborou no seu día, que puxo de manifesto a autoridade ferroviaria europea. Nós, desde que soubemos isto, pedimos un informe técnico que fose incontrovertido", aseverou.


A continuación, fixo fincapé en que hai unha actuación xudicial en marcha que "pode arroxar luz" sobre "como se tomaron algunhas decisións" e sobre "se se axustaron á normativa ou non" debido á capacidade da investigación de "pedir papeis, declaracións e investigar".


"Isto é o fundamental. [...] A comisión política de estudo, en todo caso, de constituírse ten que ser no Congreso", precisou, para logo engadir que na Cámara baixa "unha maioría ampla de deputados" decidiron que "non era o momento para constituíla". "E serán os membros do Congreso quen decida isto no futuro", engadiu.


HERNÁNDEZ PIDE REFLEXIÓN


Estas declaracións contrastan coas do seu compañeiro de filas Agustín Hernández. E é que o vicesecretario de acción municipal dos populares galegos e portavoz no Concello de Santiago adviertiu este xoves que "o Partido Popular debería reflexionar respecto do seu posicionamento" sobre a posibilidade de crear unha comisión de investigación no Congreso.


Preguntado por estas declaracións, Puy asegurou que reflexionou "moito" respecto diso: "A dita comisión foi demandada no Parlamento de Galicia. [...] Dado que as competencias e actuacións son de carácter estatal, non hai capacidade de investigar esta cuestión", resolveu, xusto antes de engadir, seguindo este razoamento, que debe ser o PP no Congreso o que tome a decisión.


Cuestionado directamente sobre se el estaría a favor de que se crease unha comisión de investigación na Cámara baixa, rexeitou pronunciarse empregando o seguinte argumento: "Non me gustaría que o PP no Congreso me dixese o que teño que opinar ou facer no Parlamento de Galicia".


"Estamos a dicir claramente (o PPdeG) que se debe facer un novo informe técnico por parte do organismo competente, que é a CIAF en España, e iso non o di o Congreso dos Deputados. Tampouco lle vou dicir ao Congreso, ao Grupo Popular, o que ten que facer", resolveu.


A continuación, defendeu que o ámbito técnico e xudicial pode arroxar "máis luz" que o ámbito "meramente político". "O cal non quere dicir que, no seu momento, á luz destes informes e da actuación xudicial se poida chegar a algunha conclusión de responsabilidade política, obviamente", finalizou.

relacionada O PP goberna oito dos 39 concellos que piden a comisión de Angrois
relacionada Hernández cre que o PP debe reflexionar sobre o seu 'non' á comisión do Alvia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE