Case 5.000 galegos atoparon un emprego no mes de maio

|

Almacentrabajador


O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) reduciuse en maio en Galicia respecto de abril en 4.991 persoas, un 2,44% (por baixo da media estatal), ata as 199.638 persoas, segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.


En taxa interanual, en relación co mesmo mes de 2016, na comunidade galega contabilízanse 20.826 desempregados menos, o que representa unha baixada do 9,45%.


No conxunto do estado, o desemprego en maio baixou ata as 3.461.128 persoas, a niveis de 2009, despois de experimentar un descenso de 111.908 persoas respecto ao mes anterior (-3,13%).


AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL


O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia subiu en maio en 6.836 persoas en relación co mes anterior, o que supón un aumento do 0,71%. Deste xeito, o total situouse en 971.305 persoas anotadas.


Son datos do Ministerio de Emprego, que reflicten tamén que o número de persoas anotadas na comunidade galega creceu en maio unha 2,33% fronte ao mesmo mes do ano pasado, o que supuxo 22.125 persoas máis.


A nivel nacional, a Seguridade Social gañou en maio unha media de 223.192 afiliados (+1,2%), o seu mellor dato neste mes dentro da serie histórica e o maior incremento en calquera mes desde xullo de 2005. Ao finalizar o mes pasado, o total de ocupados situouse en 18.345.414 cotizantes.


En Galicia, no réxime xeral foron 735.180 os anotados, mentres que no de autónomos esta cifra situouse nos 215.156. No réxime do Mar contabilizáronse, en maio, 20.969 afiliados.


Do total de apuntados ao réxime xeral, 5.285 persoas estano no agrario; mentres que 27.596 déronse de alta no ámbito de servizos do fogar.


POR PROVINCIAS


Por provincias, o maior incremento intermensual deuse en Pontevedra, ao contabilizar 3.386 afiliados máis que en abril (un 1,02% máis); seguida pola Coruña, con 2.281 anotados máis (un 0,55%). Por detrás, en Lugo apuntáronse 607 persoas máis en maio (un 0,51%) e en Ourense rexistráronse outras 562 (un 0,56% máis).


Así mesmo, dos 735.180 afiliados totais ao réxime xeral, o maior número atópase na Coruña, con 324.310; seguida de Pontevedra, con 254.104; Lugo, con 81.934; e Ourense, con 74.833 afiliados.


En canto ao número de autónomos, A Coruña tamén se sitúa á cabeza con 86.976. Despois atópanse Pontevedra, con 67.315; Lugo, con 35.545; e Ourense, con 25.320 autónomos afiliados.


Os apuntados ao réxime de Mar sumaron 13.677 na provincia de Pontevedra; seguida da Coruña, con 5.746; e Lugo, con 1.547 persoas anotadas.

relacionada O paro baixa en 5.427 persoas en abril en Galicia
relacionada Un de cada catro parados galegos vive nunha situación de desemprego crónica

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress