Un de cada catro parados galegos vive nunha situación de desemprego crónica
UGT sostén que os datos demostran o "fracaso" da Xunta, que recortou máis dun 36% desde o 2008 en políticas activas de emprego.
Galicia ten un problema co desemprego de longa duración, que afecta a máis da metade dos parados da comunidade. Tal e como recolle UGT nunha análise, desde o 2007, cando en Galicia había só unhas 96.400 persoas sen emprego, o paro de longa duración pasou de afectar ao 27,7% ao 58,2% actual. Esa taxa, coa cifra de paro actual, equivale a case 119.000 galegos que levan un ano ou máis sen poder entrar no mercado laboral, do total de 204.000 parados.
O sindicato valora que "no relativo ao desemprego de longa duración os datos son desoladores e evidencian un problema que xa se converteu en esctructural, nun gran transtorno para o que, á vista dos datos, a Xunta non parece atopar solucións". Ademais, UGT afonda en que "as cifras están aí e detrás delas hai realidades familiares complexas".
E é que "os datos evidencian que para moitos galegos cada vez é máis difícil saír do duro cículo do desemprego e, por tanto, da precariedade máis incisiva", como demostra que un de cada catro parados leve na mesma situación catro anos ou máis. Segundo os datos que manexa UGT, extraídos do Instituto Nacional de Estatística, son 49.100 persoas "con familias detrás, que non conseguen escapar".
Por tanto, o sindicato reclama á Xunta de maneira urxente "que poña encima da mesa todos os mecanismos necesarios para romper o círculo vicioso que se instaurou no mercado laboral galego". Apostan, neste sentido porque as políticas activas de emprego se destinen "a elevar a empregabilidade das traballadoras e traballadores".
Neste ámbito, UGT denuncia que "a dotación orzamentaria para estas políticas diminuíu en máis de 137 millóns desde o 2008", un 36,12%.
Por tanto, o sindicato urxe a que os gobernos asuman a súa responsabilidade para que "a mellora da situación económica sexa percibida pola cidadanía" e que ao "banco da recuperación" deixe de faltarlle "a pata máis importante, a creación de emprego digno". O obxectivo: deixar atrás o cóctel de "recortes, baixos salarios e altos índices de desemprego estrutural que provocan pobreza e situacións de exclusión social".
Escribe o teu comentario