Un médico galego logra facer andar a un neno sen cinco vértebras nin sacro
"Non creo nos milagres, creo na medicina e na bioquímica", afirma. Os seus tratamentos con hormona do crecemento espertan interese internacional.
Jesús Devesa, o doutor que iniciou o tratamento.
"Cando vin o neno por primeira vez, impactoume". É o recordo de Jesús Devesa (Vigo, 1946) dun bebé de nove meses que naceu sen cinco vértebras nin sacro e que hoxe, aos seus seis anos, "é capaz de andar". "É o primeiro caso destas características que se describe na historia da medicina cun resultado favorable", resalta.
Médico na clínica Foltra de Teo, a poucos quilómetros de Santiago, publicou este caso nunha revista internacional o pasado mes de xaneiro. O éxito, segundo el mesmo detallou a Europa Press, reside nunha terapia que combina hormona do crecemento e rehabilitación e que o neno actualmente recibe na súa cidade, no hospital madrileño La Paz.
Que se logrou con este tratamento? "A partir da última raíz da médula espiñal conseguíronse formar novas raíces" que foron prolongando as conexións nerviosas ata as partes do corpo que non estaban conectadas: "desde as nádegas ata os pés".
Así, tal e como relata, cando comezou a tratar o pequeno, aos nove meses de idade, non tiña mobilidade nin sensibilidade nas pernas, nin tampouco control de esfínteres. "Pero aos tres ou catro meses apareceu algunha sensibilidade nas coxas e, a partir de aí, a evolución foi lenta pero continua", evoca.
Ata o punto de que "aos cinco anos" xa tiña "un control completo" os esfínteres e era "capaz de andar con muletas". A súa marcha, como explica este catedrático de Fisioloxía Humana pola USC, "non é impecable" pola ausencia do sacro, de modo que está a barallarse a posibilidade de implantarlle un artificial.
"UN PUNTO DE PARTIDA"
Este caso, por tanto, constitúe "un punto de partida" para que outros casos similares, "ou non tan severos", se traten "precozmente". "Porque se no canto de aos nove meses, actuásemos cando tiña tres ou catro anos, probablemente non habería este resultado", admite.
E é que "ata agora", para este tipo de afectacións, só se prescribían "medidas de apoio ortopédico ou familiar". "E algúns autores publicaron que a amputación a nivel dos xeonllos era unha medida moi eficaz, ao permitir sentar sen que as pernas incomoden por non ter movemento", sinala Jesús Devesa.
"CREO NA MEDICINA"
Non é este o único paciente con recomendacións drásticas que tratou, pois aínda acode a Foltra un neno de sete anos que hoxe "fala, anda, xoga ao fútbol, nada, oe, vai ao colexio..." a pesar de que, "aos 15 días de vida, os médicos propuxeron desconectalo".
"Naceu en parada (cardíaca) e estivo (así) durante minutos" e os facultativos deron por feito que "sería xordo, cego, mudo e tetrapléxico". "Pero recuperou totalmente", salienta a súa "satisfacción" por este e outros casos nos que traballou, e que hoxe enchen de fotos os andeis do seu despacho.
O que rexeita o doutor Devesa é falar de "milagres". "Eu non creo nos milagres; creo na medicina, e creo na bioquímica: a vida é bioquímica pura e dura", argumenta, antes de asegurar que con coñecementos nesta materia pódense conseguir "cantidade de cousas".
A HORMONA DO CRECEMENTO
De feito, os tratamentos con hormona do crecemento que leva a cabo este médico vigués, considerados "pioneiros", están a seguirse de preto en Estados Unidos, onde xa se autorizaron ensaios clínicos; do mesmo xeito que ocorre no hospital pontevedrés de Montecelo no relativo á función cardioprotectora desta hormona.
Os traballos de Devesa comezaron en 2002, por mor dun accidente que causou unha afectación cerebral "moi importante" ao seu fillo maior. "Foi o primeiro paciente en recuperarse con hormona do crecemento tras un traumatismo cranoencefálico", rememora.
O éxito na súa terapia, como proba "a vida totalmente normal" que fai hoxe en día un mozo que é doutor internacional, é a orixe de Foltra. "Xogueime o tipo. Falei cos médicos da UCI e dixéronme: 'é o teu fillo, ti decides'. Nunca se fixo un tratamento así", evoca.
E, a día de hoxe, segundo relata a Europa Press, non só atende na clínica de Teo, senón que facilita indicacións a médicos "de todo o mundo" que contactan con el por diferentes vías e trata a pacientes en Sudáfrica, Canadá, Colombia e distintos puntos de España en colaboración con outros centros hospitalarios.
O SEU TRABALLO, BAIXO O FOCO
Despois de traballar cunhas 8.000 persoas na súa clínica e de recuperar casos de escleroses, cegueiras por causa vascular, osificacións, osteoporose e úlceras; tras recibir 21 premios de investigación, de publicar máis de 140 traballos e de impartir unhas 80 conferencias internacionais, a este endocrinólogo non lle preocupa que se dubide do seu traballo.
Que diría a quen cuestiona os seus métodos? "Non lles diría nada. Ou o que dixen desde o primeiro día: que estuden".
Escribe o teu comentario