A Xunta dará a coñecer o novo mapa de transporte de Galicia a próxima semana
Ethel Vázquez confía en que a titularidade da AP-9 pase a ser autonómica pero desvincúlaa da desaparición da peaxe.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, sinalou que o Goberno galego dará a coñecer o novo mapa de transportes a comunidade autónoma o próximo 30 de maio.
Así o dixo nunha entrevista na Radio Galega, onde explicou que este modelo reordenará o sector en seis zonas con novos contratos que darán máis cobertura territorial.
Vázquez sinalou que desde o mes de setembro "garantirase e mellorará o servizo no rural, aproveitando as prazas vacantes de transporte escolar que poderán usar os veciños". "É a mellor fórmula para garantir o transporte á xente do rural", insistiu.
Así mesmo, apuntou que non van suprimir " liñas", senón que se cambia "a forma de contratación coas empresas", algo que "notarán os usuarios".
A primeira fase afectará o transporte nas provincias de Lugo e Ourense, desde o mes de agosto, mentres que a segunda será na Mariña luguesa en decembro de 2019.
TRASPASO DA AP-9
Preguntada pola AP-9, Vázquez confiou en que a titularidade pase a ser autonómica, aínda que rexeitou que iso implique a desaparición da peaxe. Así, destacou o "consenso unánime" na Cámara galega, e que "agora haberá un debate no Congreso", insistindo en que terán a "oportunidade" de facer propostas nunha comisión bilateral co Ministerio de Fomento.
Tamén criticou as "trabas" que pon o Concello da Coruña ao plan de accesibilidade do transporte metropolitano, sinalando que "dan voltas para conceder licenzas menores para obras de paradas necesarias, para non ter que pasar pola o estación de autobuses".
Sobre o AVE, reiterou o obxectivo de que estea en servizo a finais de 2019, e destacou que paralelamente trabállase na posta en marcha das estacións intermodais, incidindo en que salvo na Coruña licitaranse as primeiras fases este mesmo ano.
Escribe o teu comentario