"Insubmisión" xeralizada ás reválidas de Primaria e ESO na primeira xornada

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino cifra en máis do 80% os alumnos que non realizaron a proba.


|

Examenalumnos


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cifrou este martes en máis dun 80% os alumnos convocados ás probas de avaliación de 6º de Primaria e 4º de ESO que non acudiron a realizalas.


Membros da plataforma concentráronse ante a Consellería de Cultura e Educación, en Santiago, para volver reclamar a derrogación da LOMCE e a eliminación destas probas, coincidindo coa primeira xornada das avaliacións de 6º de Primaria e 4º de ESO, que este ano se realizarán a modo de "mostraxe" nun 15% dos centros galegos.


Anxo Louzao, portavoz da plataforma, lembrou que as entidades sociais fixeron, como en anteriores ocasións, un "chamamento" ás familias para que "non envíen os seus fillos" a realizar estas probas, que "pretenden ser reválidas".


Louzao mostrouse satisfeito co resultado desta convocatoria, xa que, segundo as súas cifras provisionais, máis do 80% dos nenos convocados a estas probas non acudiron a realizalas e mesmo se deron casos de "centros nos que ningún neno se presentou ás probas".


O portavoz destacou que os "datos de insubmisión" superan os de anos anteriores, o que viu como unha "evidencia" de que a consellería actúa "de costas á comunidade escolar" e facendo "seguidismo das directrices de Madrid".


CAMBIO DE SISTEMA


Anxo Louzao lembrou que, no caso das probas de 6º e 4º de ESO, este ano "non teñen a gravidade que tiñan as anteriores", xa que, en lugar de ser para todos os nenos, realízanse nun 15 por cento de centros, a modo de "mostraxe".


Tras atribuír este cambio da Xunta á "mobilización constante contra as reválidas", Louzao criticou que, con todo, se realicen de forma "clandestina", xa que "non se fixeron públicos os centros nas cales ían facerse" e descoñécense cuestións como o tipo de centros ou se a mostraxe é "representativa".


"VER ISTO CON NORMALIDADE"


O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, instou este martes para asumir "con normalidade" as probas de avaliación da LOMCE e criticou os "posicionamentos extemporáneos" en contra.


Por iso, apuntou que "hai que empezar a ver isto con normalidade", do mesmo xeito que se fai "en moitos países de Europa" para ter "un diagnóstico" da situación educativa e implementar "medidas de mellora".


DIAGNÓSTICO DA SITUACIÓN


Román Rodríguez asegurou que as probas de avaliación da LOMCE buscan "mellorar" a educación a través dun "diagnóstico" da situación coa idea de "implementar medidas correctoras".


Con unha "metodoloxía moi semellante" ao informe PISA, estas probas posibilitaron, destacou o conselleiro, poñer en marcha "un importante número de contratos programa para cubrir as carencias que se detectan".

relacionada Sindicatos chaman a boicotear as reválidas de Primaria e ESO en Ourense
relacionada As Anpas anuncian "un abandono masivo das aulas" na reválida de 3º

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE