A Xunta inicia o trámite para que as Illas Atlánticas sexan Patrimonio da Humanidade
Trátase dun proceso "longo e altamente competitivo", que esperan ver terminado no prazo de cinco ou seis anos.
A Xunta iniciou os trámites de candidatura para que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas sexa recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, para o que remitiu ao Ministerio de Cultura un informe técnico no que xustifica que esta contorna natural reúne as características necesarias para ser distinguido con este título.
Así o comunicaron este luns en Vigo a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que admitiron que este é "o primeiro paso dun camiño longo e tremendamente competitivo", que estiman que pode concluír dentro de "cinco ou seis anos".
Mato destacou que as Illas Atlánticas reúnen as características para ser Patrimonio da Humanidade dentro da categoría de Ben Natural --se o consegue será o primeiro ben natural galego incluído nesta lista--, posto que só fai falta que cumpra un dos 10 criterios posibles para que consiga este recoñecemento, e o parque galego cumpre catro.
Escribe o teu comentario