Lopetegui chama de novo a Aspas na convocatoria da selección
O dianteiro do Celta está na lista dos próximos dous partidos, un amigable e outro, fronte a Macedodia, oficial para meterse no Mundial de Rusia.
Iago Aspas entra na súa terceira lista consecutiva para os compromisos da selección que leva Julen Lopetegui. O de Moaña recibiu a chamada do seleccionador esta mañá tras o adestramento.
A Selección enfróntase a Colombia nun amigable en Murcia o día 7 e medirase a Macedonia nun encontro da clasificación para o Mundial de Rusia o día 11. Ademais de Aspas, que parece ser xa un dos habituais de Lopetegui, as principais novidades na lista son a presenza do porteiro do Athlétic Kepa e de Marco Asensio.
Aspas debutou no amigable de Wembley contra a selección inglesa en novembro, aínda que non foi titular. A súa primeira chamada foi para cubrir a baixa de Diego Costa.
O dianteiro celeste cumprirá 30 anos en agosto e a falta dunha xornada de liga é o máximo goleador español da tempada, con 18 tantos. Unha conta que poderá engrosar esta fin de semana, pois o Comité de Competición retiroulle a segunda amarela vista de maneira inxusta no partido contra o Real Madrid.
Escribe o teu comentario