Sitúan en Arbo e As Neves a caída de meteoritos do bólido avistado o pasado 17 de maio

O fenómeno chamou a atención "non só por verse a pleno día senón tamén polas sucesivas detonacións que escoitou moita xente do lugar". 


|

Bolidosmeteoritos

Os restos do bólido diúrno avistado o Día das Letras Galegas do ano pasado no sur de Galicia caeron probablemente nos termos municipais de Arbo e As Neves. A esta conclusión chegaron investigadores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC e da Rede Española de Bólidos e Meteoritos logo dun exhaustivo estudo presentado recentemente na 48th Lunar and Planetary Science Conference que tivo lugar en Texas.


Os bólidos prodúcense como pedras cósmicas de certo tamaño (meteoroides) que están a describir órbitas en torno ao Sol penetran na nosa atmosfera. Debido á gran velocidade coa que o fan e ao rozamento coas capas baixas da atmosfera dan lugar ao fenómeno luminoso observado, pero só cando o brillo que producen é superior ao do planeta Venus (magnitude -4) reciben o nome de bólidos; se non, son simplemente meteoros.


NUMEROSAS TESTEMUÑAS 


Na tarde do 17 de maio de 2016 observouse un bólido diúrno no sur de Galicia que chamou a atención "non só por verse a pleno día senón tamén polas sucesivas detonacións que escoitou moita xente do lugar", sobre todo do baixo Miño, informa a USC nun comunicado. Testemuñas daquela zona pero tamén doutros lugares de Galicia como Guntín, Osebe, Vilagarcía ou O Xurés puxéronse en contacto co OARMA para dar conta do acontecemento.


Dado o interese científico deste tipo de fenómenos (especialmente os diúrnos), os profesores e investigadores do Observatorio universitario --centro colaborador da Rede Española de Bólidos e Meteoritos (SPMN)--, José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz, desprazáronse á zona para "conseguir a máxima información", en particular as coordenadas horizontais dos puntos de aparición e desaparición do obxecto así como o tempo de retardo do son percibido, entre outros detalles. Ademais, un veciño entregoulles unha fotografía da explosión final do bólido, na que aparecen referencias locais que permitiron obter a dirección con gran precisión.


Unha vez conseguidos os datos de observación, os investigadores traballaron na determinación da traxectoria atmosférica do obxecto xa que a partir dela, xunto con outros parámetros atmosféricos, pódese predicir a posible zona de caída de restos, o que se coñece como meteoritos. Así mesmo, se a información dispoñible o permite, é posible determinar a órbita do meteoroide antes de chegar á Terra.


CAÍDA DOS RESTOS 


Nesta segunda fase da investigación participaron tamén outros dous investigadores da SPMN, os doutores Josep María Trigo-Rodríguez, do Instituto de Ciencias do Espazo do CSIC e do Institut d'Estudis Espacials de Catalunya, e José María Madiedo, da Universidade de Huelva, que reconstruíron a traxectoria atmosférica e estimaron as órbitas máis probables da roca que produciu a bóla de lume.


Así, concluíron que o bólido se desprazou desde unha altura de 95 quilómetros ata unha de 26 a longo da fronteira entre España e Portugal e durante uns tres segundos. Precisamente a baixa altura do punto final e as fortes detonacións escoitadas fan que a probabilidade de caída de meteoritos sexa bastante alta, sendo os termos municipais de Arbo e As Neves as zonas sinaladas polos investigadores.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE