Recuperan o corpo dun home da auga na Ría de Arousa
Trátase dun traballador do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía que realizaba preparativos para a botadura dun barco.
O corpo dun home, que realizaba preparativos para a regata de Vilagarcía, foi recuperado na tarde deste sábado da auga na Ría de Arousa. Segundo transcendeu, trátase dun traballador do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía.
Fontes do servizo municipal de emerxencias de Vilagarcía de Arousa concretaron que os feitos sucederon sobre as 14,30 horas cando o home falecido estaba "a uns 300 metros do Club de Mar poñendo mortos para unhas aboias para unha competición".
As mesmas fontes relataron que, por causas que se descoñecen, o home apareceu flotando, polo que mobilizou unha embarcación do servizo de emerxencias de Vilagarcía, que trasladou a terra ao home.
En terra unha ambulancia do 061 e persoal sanitario do centro de saúde prestaron asistencia, pero unicamente puideron certificar o falecemento do home, de mediana idade, segundo apuntaron as mesmas fontes.
Foron mobilizados, ademais, a Garda Civil e a autoridade xudicial para ordenar o levantamento do cadáver, que permaneceu tapado na zona portuaria ata o seu traslado.
O Real Club Náutico de Sanxenxo (Pontevedra) expresou o seu "máis sentido pésame" á familia do traballador do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía falecido e mostrou "todo o seu apoio nestes momentos tan difíciles".
Segundo informou a entidade, este sábado estaba previsto que se celebrase no Grove o acto de botadura do novo barco da clase internacional '6M' deseñado polos arquitectos navais Juan Kouyoumdjian e Javier Cela e construído nos estaleiros Garrido desa localidade galega.
"Lamentablemente o acto quedou suspendido en sinal de dó polo falecemento esta tarde dun dos traballadores do Centro Galego de Tecnificación de Vela de Vilagarcía de Arousa José Domínguez", explicou.
Escribe o teu comentario