Podemos Galicia suma as súas experiencias municipais para reforzarse desde o ámbito local
A formación morada celebrou en Santiago un encontro de formación para a súa rede local con e sen representación institucional.
Podemos Galicia ten o 2019 marcado no calendario, co obxectivo de medrar como forza política nos novos concellos que saian das eleccións municipais. Con isto en mente, a formación morada celebrou en Santiago a primeira das Reunións de Formación que ten previstas co obxecto de "compartir experiencias e dotar das ferramentas necesarias á xente que traballa nos concellos, para poder ser útiles tamén no ámbito do municipalismo, independentemente de contar con representación institucional ou non".
Tal e como informan nun comunicado, este tipo de encontros son "máis necesarios ca nunca e responden, ademais, ao mandato de Vistalegre, á nova etapa que marca a asamblea e a unha folla de ruta que ten posta a vista no 2019, como paso previo fundamental para conseguir o cambio necesario no 2020", explica Eduardo Nieto, secretario de Coordinación do Consello Cidadán.
NOVO MUNICIPALISMO
"Para ir lonxe non hai mellor nave que a formación", engade, para incidir en que esa meta consiste nun "novo municipalismo, capaz de erradicar a corrupción e recuperar os servizos para o público".
Neste sentido, referiuse, por exemplo, á actual situación de "bloqueo á autonomía local que está a aplicar o ministro Montoro". Non obstante, tanto para Nieto como para Gemma Otero, voceira do Grupo Municipal Contigo Podemos de Ames, a lei Montoro é tamén un sinal de que os "concellos do cambio" o están a facer ben e esta nova forma de facer política e de concibir o municipalismo preocupa ao PP.
CATASTRAZO, IMPOSTOS E ENERXÍA
A orde do día incluía a experiencia de diferentes iniciativas municipalistas e a exposición da estratexia prevista desde Podemos para avanzar e "tecer rede" a escala local. En canto ás temáticas, a organización considerou como asuntos máis salientables e de maior preocupación nestes momentos o catastrazo, a ordenación fiscal de regulación da taxa de ocupación do solo público polas eléctricas, as claves para un asesoramento axeitado á cidadanía sobre a factura eléctrica e para a elección do sistema de depuración do municipio, así como a información sobre outras competencias municipais.
Na reunión participaron máis de 50 representantes de distintos puntos de Galicia no Centro Sociocultural O Ensanche de Santiago de Compostela.
Escribe o teu comentario