A Xunta deixa outro verán as illas Cíes e Ons sen médico permanente
Sanidade elaga que as Cíes non teñen poboación fixa e confía en que o servizo de emerxencias pode chegar en pouco tempo en barco a Ons.
A Consellería de Sanidade rexeitou outro ano máis a proposta da Asociación de Médicos Interinos de Galicia (Asmig) de dotar as illas Cíes e Ons dun "servizo médico permanente" durante a tempada estival.
Nunha resposta remitida a Europa Press, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña obxectou que o arquipélago de Cíes "non conta cunha poboación fixa de referencia que aconselle unha asistencia sanitaria continuada".
Con todo, como subliñou, os dispositivos de emerxencias do 061 "garanten a cobertura" para as necesidades que puidesen xurdir durante o verán, cando aumentan os visitantes ocasionais.
En canto á illa de Ons, Sanidade respondeu que "está a cinco minutos en barco" de Bueu, cuxo centro de saúde "está a tres minutos do porto". "Nuns oito minutos, o paciente tería dispoñibilidade de médico, as 24 horas do día, todos os días da semana", resolveu.
Escribe o teu comentario