Portugal pecha toda a fronteira agás Valença e Chaves
O dispositivo 'Operación Fronteira Branca' non afectará a aqueles que accedan a España desde Portugal | As persoas que se despracen ao país veciño necesitarán portar a súa documentación e a do vehículo.
A partir desta medianoite, só se poderá entrar en Portugal desde Galicia a través dos pasos fronteirizos de Tui-Valença e por a autovíad de Verín a Chaves. As demais fronteiras terrestres con Portugal permanecerán pechadas, aínda que Portugal permitirá o paso fóra dos puntos autorizados a residentes da zona da fronteira, aínda que se avaliará caso por caso.
A ponte internacional de Tui rexistra desde primeira hora desta mañá de mércores retencións debido ao peche da fronteira. O xornal Faro de Vigo informa de retencións, embotellamentos e pequenos atascos na ponte internacional.
Axentes da Policía Nacional española colaborarán co Servizo de Estranxeiros e Fronteiras (SEF) luso, e outros corpos policiais de Portugal, no dispositivo especial deseñado con motivo da visita do Papa Francisco a Fátima, que prevé o restablecemento dos controis fronteirizos desde as 00.00 horas deste martes 10 de maio ás 00.00 horas do domingo 14 de maio.
O obxectivo deste dispositivo, denominado Operación Fronteira Branca, é "garantir os actos programados e reducir ao máximo as posibles ameazas e problemas que puidesen xurdir", segundo informa o Ministerio do Interior.
As autoridades policiais portuguesas solicitaron a colaboración da Policía Nacional española para o reforzo das súas fronteiras aéreas, marítimas e terrestres desde o día 10 ao 14 de maio.
DOCUMENTACIÓN PARA VIAXAR A PORTUGAL
Os obxectivos xerais son o control dos fluxos de persoas que proveñan de España; control de pasaportes, documentos nacionais de identidade e calquera outra documentación española; control da inmigración irregular e de posibles situacións de trata de seres humanos, e control de posibles grupos ou organizacións criminais.
Ante este restablecemento temporal dos controis, a Policía lembra a todas as persoas que se despracen a Portugal a necesidade de viaxar coa súa documentación persoal en vigor (DNI ou pasaporte), así como co carné de conducir e documentación do vehículo en caso de viaxar en transporte particular. Ante calquera emerxencia que poida xurdir no país veciño, o teléfono de atención en Portugal é o 112
VILLANUEVA DESCARTA RETENCIÓNS
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, descartou que o peche de varias das comunicacións por estrada con Portugal, debido á visita do Papa á localidade lusa de Fátima, vaia a provocar problemas ou grandes retencións nas vías habilitadas para facer o paso fronteirizo.
En declaracións aos medios antes de participar na asemblea federal do sindicato policial SUP, en Vigo, o delegado lembrou que estas restricións (limitadas ao acceso a territorio luso) son medidas adoptadas desde o Goberno de Portugal, cuxas forzas de seguridade contarán co apoio de Policía Nacional e Garda Civil.
Con respecto ás queixas dalgúns alcaldes do Baixo Miño, que prevén complicacións na mobilidade da zona, o delegado descartou que poida haber "problemas ou caos circulatorio", e lembrou que xa se avisou á poboación das restricións: entradas habilitadas desde a A-55, a ponte antiga de Tui ou o paso de Verín-Chaves; peche do resto de pontes internacionais; e restablecemento do control documental para vehículos e persoas (incluídos menores).
"Entendemos que non vai haber ningún problema nin retencións, pero se as hai, hai que entender que son medidas en beneficio da seguridade", recalcou, e lembrou que esas restricións non afectarán as persoas que entren en territorio español desde Portugal.
Escribe o teu comentario