Portugal blinda a súa fronteira con Galicia pola visita do Papa a Fátima
Do mércores ao sábado só se poderá entrar ao país veciño por Tui e será necesario levar DNI ou pasaporte.
Con motivo da visita o papa Francisco á localidade de Fátima os próximos días 12 e 13, o Goberno portugués, por razóns de seguridade interna, restaurou o control documental nas súas fronteiras, á vez que pechará todos os seus pasos desde a provincia de Pontevedra fóra dos de Tui.
Segundo informou a Garda Civil, restablecerase o control fronteirizo documental para as persoas que desexen acceder a Portugal entre as 00,00 horas do 10 de maio e a medianoite do día 13.
Para iso, estableceranse como "únicos puntos de paso autorizados" desde Pontevedra a Ponte Internacional de Tui-Valença do Miño (A-55) e a antiga ponte que une ambas as localidades (desde a N-550). Este segundo punto de paso estará habilitado unicamente para viandantes, ciclistas e ciclomotores, co obxectivo de desconxestionar a ponte da autovía.
Consecuentemente, permanecerá pechada a entrada a Portugal no resto dos pasos fronteirizos existentes na provincia de Pontevedra, como son as pontes internacionais de Goián-Vilanova de Cerveira, Salvaterra do Miño-Monçao e Arbo-Melgaço.
Todas as persoas que durante o período de restablecemento de fronteiras teñan previsto desprazarse a Portugal, ademais de realizalo polos pasos autorizados, deberán levar consigo a súa documentación persoal, ademais da documentación do vehículo e permiso de condución. Os menores de idade tamén deberán levar consigo DNI ou pasaporte propio.
Escribe o teu comentario