Unha galega leva ao Parlamento Europeo a desprotección xudicial de vítimas de violencia machista e abusos a menores

Estrela Gómez, coordinadora da Asociación Galega contra os Malos tratos a Menores reclama protocolos que reduzan o impacto que os procedementos xudiciais provocan sobre as vítimas.


|

Eurocamaraparlamentoeuropeo


Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra os Malos tratos a Menores (AGAMME), intervén este mércores na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, arroupada pola eurodeputada de AGEe Lídia Senra, para denunciar posibles "irregularidades" da praxe xudicial española en casos de violencia de xénero e abusos de menores.


En concreto, a peticionaria reclama que se corrixan as "deficiencias do sistema xudicial" e que "se erradique o rumbo machista" neste tipo de casos.


O organismo comunitario aceptou a trámite hai xusto un ano a petición promovida por AGAMME, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos tratos de Vigo e o Grupo de Investigación Antígona, da Universidade de Barcelona, na que se denunciaba a existencia no Estado español "dunha praxe xudicial que non responde o marco normativo establecido polo Parlamento Europeo en materia de protección de vítimas de violencia de xénero e vítimas menores de idade".


Segundo defende Estrela Gómez, "a recollida do testemuño da vítima" neste tipo de causas "continúa caracterizándose pola súa opacidade, pola súa falta de adaptación ás características e necesidades da vítima, polo forte impacto que causa nos nenos e nenas e pola súa ineficiencia".


Por iso, reclamará á Comisión que inste o Estado español a "corrixir as deficiencias do sistema", en especial na atención a vítimas de abuso sexual no ámbito xudicial, "facendo constar con claridade na normativa prazos de intervención, medidas para adaptar o procedemento ás necesidades de cada neno, perfís profesionais mínimos ou características materiais e tecnolóxicas das salas de entrevista e das salas de espera".


Tamén reclamará que "se tomen as medidas oportunas" para que "deixe de ser posible a aplicación da suposta síndrome de alienación parental", tanto como base para refutar a validez do testemuño do neno como para a adopción de medidas en vía civil.


Entre outras cousas, reclamará tamén que se regule o acceso das vítimas á atención psicolóxica, independentemente de que o proxenitor acusado dea ou non o seu consentimento; e que se avalíe o funcionamento e coordinación dos organismos implicados.

relacionada Case 5.700 mulleres denunciaron violencia machista o ano pasado en Galicia
relacionada Unanimidade no Senado para reforzar a protección das vítimas do machismo
relacionada Senra esixe que a loita contra a violencia machista sexa prioridade en Bruxelas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE