Almuíña defende a OPE sanitaria fronte ás queixas dos sindicatos, que piden máis prazas
Insiste en que "non se pode resolver un problema de varios anos nun ano" e reafirma que a oferta de Sanidade é "moi ambiciosa".
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, defendeu que a oferta pública de emprego (OPE) que quere publicar o seu departamento (de ata 1.600 prazas) é "ambiciosa" e alegou que "non se pode resolver un problema de varios anos nun". Manifestouno fronte ás queixas de sindicatos, que piden 2.500 prazas para cubrir os postos perdidos en exercicios anteriores.
"Ao que podemos chegar é ao que é a realidade. E a realidade dicimos que, se saen os Orzamentos Xerais do Estado (PGE), temos a posibilidade de duplicar o que era xa unha OPE importantísima, con 800 prazas", insistiu, en declaracións aos medios, antes de participar, xunto a outras autoridades, na presentación da memoria de 2016 do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
Ademais, engadiu que "o que non se pode é resolver un problema de varios anos nun ano", ante as queixas pola necesidade de cubrir prazas perdidas, senón que fai falta "un tempo prudencial" para poder facelo. En todo caso, reafirmouse en que a oferta pública de emprego que Sanidade quere publicar é "moi ambiciosa" e dará "moita estabilidade".
"As cousas hai que facelas con números sobre a mesa. Falar é fácil, o difícil é conseguir o que se quere. O Sergas, dentro dos servizos sanitarios de España, é o que ten o persoal máis estable", reivindicou o conselleiro, quen manifestou que, aínda así, Sanidade "non quere quedar aí".
Por iso, remarcou que se presentou un plan de estabilidade "importante" e que foi "aprobado por parte da representación sindical". "E seguiremos traballando por mellorar a situación", resolveu.
Escribe o teu comentario