Iglesias pide a Javier Fernández unha reunión para convencelo de que o PSOE apoie a moción de censura

"Son consciente de que non compartides o noso criterio", recoñece na carta, pero insiste na "obrigación ética" de seguir adiante.


|

Javierfernandezpabloiglesias


O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, remitiu unha carta dirixida ao presidente da Comisión Xestora do PSOE, Javier Fernández, na que lle solicita unha reunión para falar sobre a moción de censura proposta por Podemos contra Mariano Rajoy.


"Nas últimas semanas coñecemos feitos moi graves que ameazan non só a calidade, senón os principios básicos da nosa democracia. Non se trata unicamente de que os casos de corrupción do PP non cesasen de crecer, senón de que asistimos ao uso patrimonialista das institucións por parte do PP. Como compartirás comigo, que os Ministerios de Xustiza e de Interior traballen antes para protexer o PP que para cumprir as súas obrigacións supón unha ameaza para a seguridade de España e dos seus cidadáns", indica Iglesias.


Na misiva, á que tivo acceso Europa Press, o líder da formación morada critica que institucións "fundamentais para garantir o bo funcionamento" do modelo de convivencia español foron utilizadas "de maneira partidista e interesada para protexer a persoas investigadas por corrupción e, así mesmo, para poñer trabas á investigación e ao traballo de xuíces, fiscais, gardas civís e policías". "Trátase dun ataque directo á separación de poderes e, en definitiva, ao Estado de dereito", apostila.


Para Igrlesias, dada a situación "de alarma social", é unha "obrigación ética" poñer en marcha unha moción de censura contra Rajoy que "sirva para defender no Congreso a dignidade de España, presentando unha alternativa de goberno e de país ao Partido Popular".


"Son consciente de que non compartides o noso criterio, pero permítome lembrarche que, a diferenza de dous anos atrás, cando o voso compañeiro Pérez Rubalcaba suxeriu a posibilidade de presentar unha moción de censura, hoxe o Partido Popular non conta con maioría absoluta, nin sequera sumando os votos de Ciudadanos", remarcou.


Neste sentido, o secretario xeral de Podemos di facerse cargo de que neste momento os socialistas son contrarios a apoiar unha moción de censura. "Pero, por mor da conversación que mantiven co voso portavoz Mario Jiménez, permítome solicitarche un encontro para que poidamos expoñervos ao detalle a nosa proposta. Entende que a nosa obrigación, polo ben da nosa patria e das súas xentes e pobos, é tratar de convencervos para que cambiedes de actitude", conclúe Iglesias.

relacionada Villares reprende a Podemos por querer involucrar a JpD na moción de censura
relacionada Villares desdise da súa crítica a Podemos por acudir a JpD
relacionada Iglesias non se dá por decatado do rexeitamento á súa moción de censura

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE