Abel Caballero culpa a Feijóo de que o Celta se vaia de Balaídos

O alcalde de Vigo di que non falará dos enfrontamentos entre o concello e o equipo de fútbol ata que remate a tempada.


|

Caballerofeijoo 1


O alcalde de Vigo deixou caer que Feijóo está detrás da intención do Celta de abandonar a cidade de Vigo por desavinzas co goberno municipal na xestión do Estadio de Balaídos.


Este domingo, nunha entrevista en Radio Nacional recollida por Europa Press, Abel Caballero foi cuestionado acerca de se cre que a intención da directiva do club de abandonar a cidade forma parte dunha manobra política do PP. Na súa resposta, o rexedor vigués convidou a "interpretar" as palabras de Núñez Feijóo. "Interprete vostede as súas palabras", sinalou Caballero ata en tres ocasións ao entrevistador.


Esta semana, o presidente da Xunta confirmou que representantes da área de Urbanismo do Goberno galego mantiveron un encontro con persoal do Concello de Mos acompañados "dunha persoa contratada polo Celta" para valorar a posibilidade de que este municipio acolla o estadio que o presidente do club, Carlos Mouriño, pretende construír fóra de Vigo.


Con todo, Abel Caballero evitou pronunciarse sobre a situación do Celta de Vigo e o enfrontamento que mantén o concello que dirixe coa súa directiva. "Non toca falar do Celta agora. Fareino cando termine a liga e a Europa League. De todo falarei", manifestou.


PABLO IGLESIAS, "DIRECTOR DE CIRCO"


Na entrevista, Caballero tamén foi cuestionado sobre a intención do grupo parlamentario de Unidos Podemos de presentar unha moción de censura contra o goberno de Mariano Rajoy.


Para o socialista, a moción de censura é "unha bobada política" co ánimo de "chamar a atención", impulsada polo líder de Podemos, Pablo Iglesias, ao que cualificou como un "director de circo" que "cambia de opinión cada día". "Había tempo que non escoitaba unha bobada así en política", aseverou.


PRIMARIAS SOCIALISTAS


O rexedor vigués, que mostrou o seu apoio público á candidatura da presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz, para a Secretaría Xeral do PSOE, convidou a tomar como exemplo o mal resultado cultivado polo Partido Socialista francés na primeira volta das presidenciais galas, onde Benoit Hammon quedou relegado ao quinto lugar co 6% dos votos.


E é que o resultado de Hammon nos comicios franceses evidencia, para Caballero, que "as eleccións internas non garanten o éxito político", polo que chamou a "meditar" aos militantes do PSOE para evitar o ocorrido en Francia, onde o Partido Socialista colleitou un resultado que implica "non existir politicamente".


"De nada vale gañar as primarias se che penalizan nas eleccións", expresou tras chamar aos militantes socialistas a "non facer reflexións mirando só ao partido" e, deste xeito, votar consecuentemente nas próximas primarias socialistas, onde cre conveniente "optar por proxectos de amplas maiorías" que abarquen o espazo do "centro-esquerda".


Por último, expresou que non vería con malos ollos que o PSOE instaurase un sistema de primarias abertas a toda a cidadanía, xa que un partido "envorcado só nos seus militantes non ten sentido".

relacionada Susana Díaz en Vigo: "Cando o PSOE se pon en marcha, non hai quen o pare"
relacionada A Xunta recibiu un "asesor do Celta" e representantes de Mos para tentear un proxecto de estadio

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE