​BNG e PSdeG denuncian unha “escalada da manipulación informativa” da TVG

|

SanchezizquierdocrtvgAlfonso Sánchez Izquierdo nunha foto de arquivo // EP


Olalla Rodil (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) veñen de trasladar á Comisión Parlamentaria da CRTVG a denuncia do comité de empresa da TVG en relación á "manipulación" dunha noticia emitida no informativo Galicia noticias serán do pasado 6 de marzo, difundida "previa supresión das declaracións críticas co Goberno galego en relación ao cultivo da ostra en Galicia" mantendo a súa sinatura coa súa voz en off.


Segundo salientou Olalla Rodil ante o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, o propio xornalista que elaborou a noticia asegurou que "non é un feito illado, nin é a primeira vez que na televisión pública a dirección aplica criterios políticos e non informativos para xerarquizar as novas".


O portavoz socialista na mesma comisión, Luís Álvarez, fixo fincapé na "escalada de manipulación", existente na TVG, tras a "punta do iceberg" da denuncia de manipulación do xornalista. Ademais, sinalou que agora "non só é o comité de empresa quen denuncia", senón que "xa hai xornalistas con nome e apelidos que saen á palestra a denunciar as súas prácticas".


CONSELLO INFORMATIVO


Rodil recriminou a Sánchez Izquierdo a súa pretensión de reducir esta denuncia por manipulación informativa da TVG "a un conflito entre profesionais", ademais de poñer en evidencia "que non hai un mecanismo para canalizar este tipo de denuncias na CRTVG" tendo que recorrer ao comité de empresa.


Neste sentido, a voceira nacionalista na comisión reclamou a posta en marcha do Consello informativo do ente público como está previsto na Lei de medios públicos de comunicación en vigor desde fai cinco anos, para que haxa unha "canle acaída" para a tramitación deste tipo de denuncias de manipulación informativa na televisión pública.


DENUNCIA DO COLEXIO DE XORNALISTAS


O voceiro socialista na comisión salientou que, ademais do comité de empresa, agora presentou unha denuncia o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O colexio, como desvelou o socialista, "emitiu unha resolución na que, entre outras cousas, di que a dirección de informativos comprometeu a dignidade e a imaxe profesional do afectado, xa que ningún xornalista pode ser obrigado a asinar unha información contra a súa vontade".


"Debería sonroxalo que o comité de empresa da CRTVG veña de activar un protocolo para asumir o control contra a manipulación na canle, ante a falta dun consello de informativos que vele pola obxectividade, porque a Xunta está a incumprir a lei", expuxo Álvarez.


"O comité de empresa vai acudir á Valedora do Pobo para que os ampare. Parécelle pouco para esixirlle o cumprimento da Lei a Feijóo? Sabemos que quen manda na TVG é Feijóo e a secretaria xeral de medios, Mar Sánchez Sierra, pero reflexione, porque aínda que non mande, vostede politicamente é o responsable", advertiulle.

relacionada ​Leiceaga acusa a Feijóo de incumplir a Lei de Medios para manter "o control político da CRTVG"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress