Folgoso do Courel aspira a ser un concello libre de eucaliptos
O pleno acordou de forma unánime apostar por especies autóctonas, prioritariamente castiñeiros, polo seu retorno económico.
O municipio Folgoso do Courel, na provincia de Lugo, trasladou á Consellería do Medio Rural o seu compromiso de ser un concello libre de eucaliptos.
Así llo explicou a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, despois de que se acordase este compromiso de forma unánime no pleno municipal.
Pola súa banda, a Xunta celebra a decisión do goberno local de apostar por especies autóctonas galegas. Castro mostrou a intención de dar prioridade aos castiñeiros, xa que esta especie está a dar bos resultados a través da industria da castaña.
Deste xeito, Ángeles Vázquez valora que o concello garante así a súa singularidade paisaxística. "Como sempre defendemos, é importante ordenar os nosos montes de tal modo que se poida compaxinar a actividade económica coa ambiental", remarca.
Escribe o teu comentario