Rueda descarga a responsabilidade dos lumes forestais nos incendiarios
Avoga por "manter as máximas precaucións" e di que "o monte se arde nesta época é porque alguén o incendia e iso é un delito".
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este venres que o operativo contra incendios previsto polo Goberno galego "afortunadamente segue probando ser un dispositivo eficaz".
Alfonso Rueda insistiu en que a Xunta de Galicia "seguirá facendo un esforzo importante" e en que "a día de hoxe" hai máis de 3.000 efectivos no dispositivo contra incendios, aínda que "loxicamente non é o dispositivo de meses máis avanzados do ano".
Rueda considera que este dispositivo está "dimensionado para atender situacións complicadas" e puntualizou que agora están "centrados na provincia da Coruña", pero tamén no resto de provincias "estamos alerta".
Durante un acto oficial en Pontevedra, o número dous do Executivo autonómico atendeu ás preguntas dos xornalistas sobre os incendios forestais que sofre a provincia da Coruña, especialmente os lumes de Narón (450 ha) e de Oza-Cesuras (41 ha).
"Estamos nunha situación complicada, sobre todo vendo a época do ano na que nos atopamos", sinalou o vicepresidente da Xunta de Galicia.
"MÁXIMAS PRECAUCIÓNS"
Con todo, Rueda sinalou que estes lumes "xa están controlados", pero advertiu que "iso non quere dicir que non haxa que manter as máximas precaucións", polo menos mentres duren as actuais condicións climatolóxicas de seca con fortes ventos e altas temperaturas.
O vicepresidente galego sinalou que "o monte non arde só" e por tanto, "o monte se arde nesta época é porque alguén o incendia e iso é un delito", advertiu.
Neste sentido, destacou que as forzas e corpos de seguridade do Estado, "e por suposto a Policía Autonómica", seguirán investigando todos os incendios "para tentar deter ás persoas que incendian o monte e poñelos a disposición da Xustiza".
Rueda apuntou que xa van máis de 20 persoas detidas pola Policía Autonómica neste ano. "E seguiremos con esa actividade", concluíu.
Escribe o teu comentario