Feijóo avoga por reforzar vínculos económicos e sociais co Norte de Portugal

|

Feijooporto


Feijóo avogou por un impulso "loxístico, de transporte, turístico, de tecnoloxía e de innovación" entre Galicia e o Norte de Portugal para consolidar unha Eurorrexión "con criterio e voz propia" dentro do Comité das Rexións.


Durante un encontro coa dirección da Asociación Comercial do Porto, o titular do Goberno galego avogou, en primeiro lugar, por potenciar o comercio de proximidade, con promocións conxuntas e coa creación de vínculos entre mercados e prazas de abastos para o intercambio de produtos locais. Ademais, no ámbito da industria 4.0, propuxo crear grupos de cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos que permitan mellorar a competitividade das industrias.


No ámbito da innovación, Feijóo destacou que a Estratexia de innovación e desenvolvemento transfronteiriza (RIS3T) aspira mobilizar 360 millóns de euros en proxectos de innovación ata 2020. Neste sentido, lembrou que a primeira convocatoria do Programa Interreg (Poctep) recibirá 90 millóns de euros dos 243 millóns asignados para toda a fronteira hispano-portuguesa, o que permitirá desenvolver durante os próximos meses 45 proxectos innovadores.


Na súa intervención, sinalou que Galicia e o Norte de Portugal levan 25 anos de colaboración, nos que demostraron "que a superación de fronteiras e a substitución de muros por pontes é unha opción de éxito". Como exemplos, citou a cooperación no campo local, a través das eurocidades Verín-Chaves e Tui-Valença; en materia de universidades, co programa Iacobus, e tamén en campos como o medio ambiente, coa xestión conxunta do Parque Natural Transfronteirizo Gerês-Xurés.


"FRONTEIRA INEXISTENTE"


"Hoxe temos, practicamente, un mesmo territorio cunha fronteira inexistente, porque temos infraestruturas que vertebran as vilas e provincias fronteirizas; estamos a colaborar no campo universitario e da investigación, e temos, en consecuencia, un territorio europeo que pertence a dous países con 6 millóns de habitantes", sinalou o presidente da Xunta.


O titular da Xunta concluíu a súa intervención subliñando que, grazas ao modelo de responsabilidade desenvolvido nos últimos anos, Galicia é unha comunidade solvente e segura: "Segura para vivir, porque ao longo destes anos fomos capaces de seguir mellorando os nosos servizos públicos. Segura para investir, porque ser solventes xera confianza e credibilidade a aquel que queira apostar pola nosa terra para emprender. E segura para traballar, xa que estamos a lograr que sectores que se viron castigados polas dificultades económicas estean a rexurdir con forza", indicou.

relacionada Quinta edición do 'Job Day' da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
relacionada Eixo Atlántico pide dotar a eurorrexión dunha autoestrada ferroviaria do século XXI

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress