A reestruturación bancaria pechou en Galicia un terzo das sucursais
Antes da crise había 815 oficinas máis, un recorte que afecta sobre todo aos núcleos de poboación do rural.
Galicia perdeu 815 sucursais nos últimos anos no proceso de reestruturación bancaria, o que supón un descenso da súa rede de oficinas do 33,8%.
Diso informou na comisión de Economía o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, quen destacou que esa caída porcentualmente en Galicia desde 2009 é 1,4 puntos menor que o recorte de oficinas a nivel estatal do 35,2%.
Así, defende que "a redución de estrutura foi menor en Galicia que en España en termos comparables", pois esa baixada chegou ata o 50% en comunidades como Cataluña.
Nesta liña, David Cabañó sinalou que a rede de oficinas galegas supoñían o 5,4% do total de España en 2009, mentres que en 2016 aumentou o seu peso ata o 5,6%.
Tamén expuxo que en 2009 había 8,6 oficinas por 10.000 habitantes na Comunidade fronte ás 9,5 de España, unha distancia que se reduciu en 2016 (6 sucursais en Galicia e 6,2 no Estado). Por iso, Galicia "non foi un dos territorios máis prexudicados" na perda de sucursais.
En cambio, Noa Presas (BNG) censurou que Galicia non conta cunha rede de oficinas acorde á súa realidade territorial, coa metade dos núcleos de poboación de España. Así, considera "inxusto" este recorte de oficinas, sobre todo no rural, mentres os beneficios de entidades "non paran de aumentar".
USO DO FONDO DE CONTINXENCIA
Por outra banda, nesta comisión a deputada Noa Presas tamén preguntou polo fondo de continxencia da Xunta, en relación ao informe do Consello de Contas sobre o ano 2014 no que avisaba de que "lonxe de servir para a atención de gastos imprevistos e non discrecionais constituíu unha ferramenta para a cobertura de gastos (principalmente gasto corrente) que son obxecto dunha deficiente" forma de orzar, "por escasamente realista".
De tal forma, a deputada nacionalista carga contra o uso "abusivo" do fondo de continxencia, á vez que denuncia que a Xunta "sistematicamente presuposta á baixa os servizos básicos", entre o que destaca o persoal do Sergas.
O director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, apuntou que en 2014 dotouse o fondo de continxencia con 105 millóns, dos que 62,5 millóns correspóndense co Sergas.
Por iso, Corgos sinalou que "as desviacións" nese ano nas contas da Xunta debéronse ao persoal do Sergas, o "máis difícil de orzar", con "alto grao de substitucións" e "un persoal medio de máis de 30.000 traballadores".
A continuación, defendeu que non cre que se poida falar dunha "deficiente" forma de orzar, mentres resalta que o Goberno galego toma "moi en serio" as recomendacións do Consello para "reducir ese 'gap' (oco) entre orzamento e gasto".
Escribe o teu comentario