Cruzada para que os Orzamentos inclúan o saneamento da ría de Ferrol
Esquerda Unida de Narón anuncia "unha mobilización política e cidadá" que presionará para que as emendas contemplen a obra.
O concelleiro de Esquerda Unida Narón André Abeledo defendeu que "aínda se está a tempo de reivindicar que a Xunta de Galicia e o Goberno central cumpran co seu deber de pagar a parte que, nun principio, lle correspondía pagar á UE en relación ás obras da rede de saneamento da ría".
"Estamos en tempo para que poidan incluírse emendas nos orzamentos nese sentido", argumentou o edil a través dun comunicado.
A continuación, advertiu de que para que exista "sensibilidade" por parte da Xunta e do Goberno necesítase "unha mobilización política e cidadá forte e decidida que defenda os intereses dos veciños".
"Desde o principio, desde EU Narón denunciamos a inxustiza que se está cometendo coas veciñas e veciños ao pretender que sexan eles os que paguen unha obra que está cualificada como de interese xeral, e tamén denunciamos que non é de recibo nin xustificable que os atrasos na súa execución, atrasos que levaron a que a UE retirase os fondos que tiña previstos para custeala, atrasos que ademais non son imputables aos Concellos de Narón e Ferrol, vaian agora supoñer un castigo para a veciñanza en forma dun aumento na taxa de saneamento", argumentou o edil de EU Narón.
Acto seguido, asegurou non entender como Juan Juncal, ex alcalde de Ferrol e deputado do PP no Congreso, "permitiu hai uns días atrás nunha rolda de prensa dicir que os orzamentos do Estado son os adecuados para as necesidades da comarca".
"Entendemos que tanto o señor Juncal coma o señor Rey Varela, actualmente conselleiro de Política Social e ex rexedor de Ferrol, teñen na súa man buscar a maneira de defender os intereses dos veciños da nosa comarca por encima dos intereses de partido", resolveu.
Escribe o teu comentario