Carmen Santos cumpre un ano á fronte de Podemos Galicia
O seu primeiro aniversario enmárcase nun clima de tensión entre partidarios e detractores da secretaria xeral.
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, publicou nas redes sociais un vídeo co que agradece a "confianza" depositada nela cando se cumpre un ano da súa chegada ao cargo.
Deste período "intenso", destacou o feito de que os diferentes procesos electorais permitiron que "unha chea de xente común" estea hoxe nas institucións, e coa vista posta no futuro apelou a seguir traballando para lograr "un cambio de goberno" tanto en Galicia como no Estado.
"Deixarémonos a pel por seguir sendo útiles", continuou, antes de dar por feito que "o cambio chegará" porque os actuais resultados, "tendo todo en contra", así o evidencian.
En paralelo, o seu equipo avanzou que a modo de conmemoración do primeiro ano de Carmen Santos á fronte de Podemos Galicia, o próximo día 17 haberá "un evento festivo" e de "avaliación do traballo realizado" pola formación neste tempo.
Tamén o Consello Cidadán Autonómico (CCA) cumpre o seu primeiro aniversario no medio dunha forte división, pois nel conviven dúas posicións enfrontadas: os afíns á secretaria xeral e os "críticos" coa súa xestión.
Escribe o teu comentario