'Epicah', un programa de turismo transfronteirizo baixo o lema '2 países, 1 destino'
Eixo Atlántico lidera este proxecto para impulsar o turismo cultural, de patrimonio e natureza en rexións de España, Portugal, Italia, Estonia, Grecia, República Checa, Hungría e Romanía.
O Eixo Atlántico lidera un proxecto europeo que, financiado pola Comisión Europea, consistirá en elaborar unha proposta para impulsar o turismo cultural, de patrimonio e natureza en rexións transfronteirizas de España, Portugal, Italia, Estonia, Grecia, República Checa, Hungría e Romanía.
Este programa, denominado 'Epicah', durará dous anos e centrarase en promover a eficiencia no uso dos recursos locais, protexer o medio ambiente, e preservar e valorizar o patrimonio cultural e natural como recurso para o desenvolvemento económico nas zonas fronteirizas.
Neste contexto, realizarase unha análise pormenorizada da situación e as potencialidades do turismo cultural e de natureza nas oito zonas piloto, así como das problemáticas e obstáculos para o seu desenvolvemento.
A partir dos resultados da análise, realizaranse propostas e accións que poderán ser desenvolvidas en futuros programas de cooperación, como creación de redes, xestión coordinada dos recursos, elaboración de estudos e creación de marcas comúns para a promoción turística conxunta.
'EPICAH'
O Eixo Atlántico, que lembrou que 'Epicah' xorde do programa que iniciou fai cinco anos baixo o concepto '2 países, 1 destino', tamén manifestou que outro dos obxectivos deste proxecto é sensibilizar á Comisión Europea para que impulse un plan europeo de turismo e outro de protección do patrimonio.
Así as cousas, xustificou esta petición en que "a Comisión Europea non conta cunha política turística propia nin con instrumentos financeiros para impulsar o turismo, e tampouco con medidas específicas para a protección do patrimonio", motivos polos que o Eixo considera "necesario abrir o debate nas institucións comunitarias sobre estes elementos".
Escribe o teu comentario