Os líderes de Podemos e Anova rexeitan profundar na ferida de En Marea
Carmen Santos e Antón Sánchez afirman que a confluencia "ten canles de debate" e que as posturas das partes xa son dabondo coñecidas.
Carmen Santos e Antón Sánchez. //Foto: En Marea
Os líderes de Anova e Podemos Galicia, Antón Sánchez e Carmen Santos, respectivamente, afirmaron que o que tiñan que dicir sobre a coordinadora de En Marea "xa está dito".
Deste xeito, preguntados polos xornalistas en rolda de prensa, evitaron continuar a polémica sobre o nomeamento do órgano executivo do partido instrumental, tras as críticas contra o seu portavoz, Luís Villares, vertidas nos últimos días por diversos integrantes.
Respecto diso, o portavoz de Anova, Antón Sánchez, indicou que En Marea "ten canles de debate" e apostou por que se utilicen en caso de ter que resolver discrepancias.
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, a continuación, coincidiu "na liña" de Sánchez, ao asegurar que "o que se manifestou xa está claro", e agregou o seu "máximo respecto ás decisións do espazo político de confluencia".
Iso si, Carmen Santos agregou que haberá que ver "co tempo" como se vai comunicando e "desenvolvendo" o proxecto liderado por Luís Villares.
"OPINIÓNS DOUTRAS PERSOAS"
Cuestionados, en concreto, polas palabras críticas con Luís Villares dos deputados no Congreso Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, Antón Sánchez reiterou que o que Anova tiña que dicir "xa está dito" e sentenciou que "non hai máis que engadir".
Pola súa banda, Carmen Santos destacou que "as opinións doutras persoas teñen que ser desas persoas", e remitiuse á posición de Podemos Galicia e tamén á da dirección estatal.
Escribe o teu comentario