A instrutora da 'Cóndor' asigna a condición de protexido a unha testemuña que denunciou ameazas de Raúl López
O presidente do Obradoiro interpelouno con violencia verbal polas investigacións aparecidas en medios sobre a entidade deportiva.
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, no marco da 'Operación Cóndor', asignou a condición de testemuña protexida a unha persoa que supostamente foi ameazada polo propietario de Monbus, Raúl López, un dos investigados neste caso sobre supostos delitos fiscais, contra a administración pública e branqueo de capitais.
Nun auto selado o 31 de marzo, dáse conta de que os feitos polos que se cursa a petición xorden a raíz "dun escrito de denuncia, datado ao 5 de xullo de 2016, asinado por accionistas da entidade Obradoiro Club Amigos de Baloncesto, Sociedade Anónima Deportiva e abonados de Xade, xunto ao que se remitiu igualmente unha carta na que aparece como denunciante M., que proporcionou un número de teléfono para mostrar a súa colaboración a fin de aclarar" unhas presuntas "irregularidades".
Ditas "irregularidades" teñen que ver coa "xestión de Xade S.L., empresa de capital mixto, encargada da xestión dos recintos deportivos dependentes do concello de Santiago de Compostela" (cuxo apoderado é S.L.C.) e o suposto "transvasamento de diñeiro negro entre as sociedades Xade S.L. e Obradoiro Club Baloncesto (que preside Raúl López), o cal podería empregarse para efectuar remuneracións en B a empregados e xogadores do club".
É Vixilancia Aduaneira a que pon en coñecemento do Xulgado de Lugo a "interposición dunha querela ao denunciante por denuncia falsa por parte de S.L.C., recibindo unha demanda de conciliación (feitos comunicados en data 20 de marzo de 2017), a cal seguiría no Xulgado de Instrución número 1 de Santiago".
EPISODIO DE "INTIMIDACIÓN"
Tamén informa de que "o denunciante comunica ser obxecto de ameazas á súa integridade física mediante unha chamada anónima ao seu teléfono móbil particular desde un número oculto producida o día 20 de marzo de 2017". Posteriormente, o día 30 de marzo recibiría unha nova chamada", engade o escrito.
Ademais, advírtese dun episodio de "intimidación por parte de Raúl López, quen, segundo se comunica, ao finalizar a asemblea de socios do Obradoiro SAD e CAB, interpelouno con violencia verbal e de forma agresiva sobre a veracidade das informacións producidas sobre as posibles investigacións da entidade deportiva".
No auto de Pilar de Lara ponse de manifesto, a continuación, que "así as cousas, e independentemente do curso da investigación penal cuxa apertura se acordou por un posible delito de obstrución á xustiza, esta instrutora considera que o denunciante M.D.C. merece a protección dispensada polo Ordenamento Xurídico ás testemuñas na O 19/1994 de Protección de Testemuñas".
A xuíza razoou que, con iso, trátase de "protexer ás persoas que a pesar dos problemas de toda índole cos que poidan atoparse ao longo do tedioso devir procesual, deciden colaborar coa xustiza".
No auto, de 15 folios, ponse especial énfase en que esa testemuña protexida "prestou colaboración con Vixilancia Aduaneira sobre determinados feitos".
"PERIGO SERIO E REAL"
Segue a exposición poñendo de relevo que esta persoa "manifesta ter sufrido ameazas e intimidacións, advertindo a existencia dun perigo serio e real tanto para a súa integridade física como fundamentalmente moral e psicolóxica derivada da súa participación no proceso penal como denunciante, ameazas que proveñen segundo sospeita da contorna de S.L.C., apoderado de Xade, e de Raúl López, quen o inquiriría de forma violenta segundo alega a Vixilancia Aduaneira, precisamente polas investigacións aparecidas en medios de comunicación".
Finalmente, disponse pola xuíza "conceder a condición de testemuña protexida a M.D.C" e avísase que "non constase na causa o domicilio e o seu número de teléfono, quedando tales datos, preservados en sobre pechado e selado, a disposición da Secretaria Xudicial deste Xulgado".
Escribe o teu comentario