Médicos Interinos piden ao Sergas que non "maree a perdiz" e convoque a OPE extraordinaria
Avisa de que "converter traballadores eventuais en interinos ou fixos non representará ningunha vantaxe nin dereito de continuidade".
A Asociación de Médicos Interinos de Galicia (Asmig) solicitou este xoves ao Sergas a "prometida" oferta pública de emprego (OPE) extraordinaria.
Nun comunicado, esta asociación informa de que remitiu un escrito ao xerente do Sergas no que insta a concretar "de forma urxente" o seu calendario de conversión de postos de traballo e o cronograma para a oferta pública de emprego.
Este xoves, tras o Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que entre 2017 e 2018 converteranse 800 prazas de persoal eventual do Sergas en interinos.
Respecto diso, Asmig asegura que rexeita "de cheo" o "anunciado proceso de interinización e posterior conversión a fixos do persoal temporal", xa que "non representaría unha mellora substancial das actuais condicións de precariedade", pois "tan só contriburía a xerar incerteza e inseguridade xurídica".
ACABAR COA PRECARIEDADE
Por iso, esta asociación reclama a convocatoria dunha OPE extraordinaria que "integre dunha vez por todas ao colectivo precario dentro do sistema sanitario coa condición de persoal de carreira".
Segundo apunta, este procedemento está previsto no Estatuto Básico do Empregado Público e na lei de Función Pública de Galicia, que "permite a selección de persoal mediante concurso de méritos", nun proceso no que "debería baremarse de maneira prioritaria a superación por parte do aspirante dalgún proceso selectivo anteriormente celebrado na serie histórica".
Neste sentido, Asmig remarca que para convocar este proceso "non é necesario en absoluto executar ningún proceso previo de transformación de categoría laboral como as que pretenden", ao seu xuízo, "co único fin de despistar e marear a perdiz".
A isto agrega que "converter traballadores eventuais en interinos ou fixos non representará ningunha vantaxe nin dereito de continuidade", pois "hai contratos eventuais que poden durar anos e outros interinos tan só uns meses".
Escribe o teu comentario