O PSOE anuncia emendas aos PGE para "paliar o agravio histórico" a Galicia
Cancela "confirma" que Santamaría veu "poñer a venda antes da ferida" e lamenta que Feijóo non sexa agora "militante de Galicia"
A coordinadora dos socialistas galegos nas Cortes, Pilar Cancela, anunciou este martes que o Grupo Socialista presentará emendas aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para tentar "paliar o agravio histórico" a Galicia que representan as contas de 2017.
Cancela recalcou que a contía das devanditas emendas partirá "da base dos 600 millóns de euros anuais de media" que os Gobernos do PP "deixaron de orzar para Galicia" con respecto aos Executivos do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, "aos que se suman os máis de 400 millóns de baixada adicional deste ano".
A deputada socialista afirmou que, tras coñecer os orzamentos, "confírmase" que a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, se desprazou a Galicia a "poñer a venda antes da ferida", e lamentou que Feijóo, que se declara "militante de Galicia", sexa hoxe "máis militante do PP que nunca cando tería que reivindicar para Galicia o investimento que merece".
Cancela subliñou que os PGE "reflicten a vontade política dun Goberno" e apuntou que, no caso do AVE, non se fala "dunha redución das partidas, senón de que nos últimos anos quedou un 30 ou un 40 por cento sen executar cada ano".
"Polo que á baixada hai que sumarlle a falta de investimento efectivo do que estaba orzado para Galicia", concluíu.
Escribe o teu comentario