O investimento do Estado en Galicia cae un 32% en 2017
A comunidade galega descende ao quinto posto en asignación orzamentaria | En 2016 recibimos 1.363,9 millóns | Baixa o investimento en todas as CCAA incluída Cataluña salvo en Canarias.
O investimento do Estado en Galicia cae este ano a 924,6 millóns de euros, o que supón un retroceso do 32% fronte aos 1.363,9 millóns orzados en 2016.
Deste xeito, Galicia baixa ao quinto posto entre comunidades en canto a dotación orzamentaria nos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, fronte ao terceiro posto que ocupaba nos de 2016, segundo o proxecto presentado este martes polo ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro.
O investimento territorializado que prevé realizar o Goberno este ano descende en todas as comunidades autónomas incluída Cataluña pero coa única excepción de Canarias, que de entrada recibe case oito millóns máis que en 2016, segundo o proxecto de Orzamentos do Estado presentado este martes no Congreso.
Andalucía e Cataluña encabezan por esta orde o investimento por territorios, ao representar o 13,5 e 13,4 por cento do total, seguidas por Madrid, co 11,7, e Castela e León, co 11,5 por cento. Entre as catro absorben a metade do total nacional.
Estas cifras inclúen o investimento do Estado segundo o territorio en que se realizan as obras. Desas catro comunidades á cabeza, tres véñeno estando nos últimos anos salvo Madrid, que ocupa o lugar de Galicia e deixa a esta comunidade en quinto posto.
BAIXA O ORZAMENTO EN INVESTIMENTO
En total, a repartición de investimentos por comunidades ascende a 12.867 millóns, por baixo dos 13.231 do orzamento de 2016. Desta cantidade, 8.597 millóns son rexionalizables, pódense repartir por comunidades porque se producen nun único territorio; este capítulo rexistra un descenso do 22 por cento con respecto á previsión inicial do ano pasado.
En territorio andaluz investiranse 1.156 millóns (1.820 millóns era a previsión do ano pasado); en Cataluña, 1.149 (1.179 en 2016); na Comunidad de Madrid, 1.005 millóns (1.019 o ano pasado), e en Castela e León, 991,5 millóns (1.451 en 2016).
En xeral, a previsión é menor para todas as autonomías salvo para Canarias, aínda que a variación é pequena: de 261,8 millóns a 270,28. Tamén crece o orzamento para Melilla (de 32 a 37 millóns de euros) e mantense no caso de Ceuta.
GALICIA, EN QUINTO LUGAR
Todas as demais rexistran descensos nesta previsión inicial realizada polo Goberno e que é susceptible de modificacións conforme os Orzamentos sexan negociados nas Cortes. Galicia, quinta en investimento territorializado, recibe 924,64 millóns (1.363,95 en 2016); séguenlle a Comunidade Valenciana, con 589,18 millóns (879); Castela-A Mancha, con 428 millóns de investimento (583), e o País Vasco, con 381,4 millóns (449,4).
A continuación sitúase en noveno posto en porcentaxe sobre o total Aragón, con 343,6 millóns (418,9), e despois Estremadura, que recibe 303,5 millóns (363,9 millóns en 2016). Séguenlles Murcia, con 272 millóns (330) e Canarias, única con máis previsión de investimentos territoriais que o ano anterior, con 270,2 millóns fronte a 261,8.
Asturias e Cantabria figuran as seguintes, con 211 e 199,9 millóns, respectivamente (307 e 205 millóns en 2016); pechan a lista Navarra, con 79 millóns (106), A Rioxa, con 75 millóns (89,7) e as Illas Baleares, que reciben 148 millóns (159 en 2016).
Escribe o teu comentario