Alxeria toma nota do modelo de saneamento de augas de Ourense, Santiago e Pontevedra
ViAQUA asesorou a un equipo de técnicos da empresa que xestiona as augas na cidade de Orán.
Durante dúas xornadas de estancia en Galicia, Viaqua asesorou a un equipo de técnicos alxerinos da empresa que xestiona a auga na cidade de Orán (1,6 millóns de habitantes). Unha visita que se enmarca nas relacións establecidas como consecuencia da asistencia técnica que Viaqua está a levar a cabo coa empresa pública en materia de formación e xestión de saneamento de augas.
En concreto, os cinco membros do equipo directivo alxerino desprazado tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os sistemas e modelos de xestión en materia de saneamento que aplica Viaqua nas concesións das cidades de Ourense, Santiago e Pontevedra.
No programa da visita, a delegación alxerina tivo acceso con detalle á inspección das redes de saneamento coa técnica da cámara GoPro; a rehabilitación de tubaxes mediante packers, o mantemento de pozos, e tamén visitaron instalacións de depuración e potabilización. Na cidade de Pontevedra fóronlles mostradas as ferramentas de xestión de limpeza de rede de sumidoiros (Galia), o sistema Agis Mobile e o control de frotas.
Escribe o teu comentario