Catro mozas compostelás, vencedoras do concurso de relatos de Viaqua

Carmen, Noela, Tania e Raquel foron as premiadas entre case 600 'relatos de auga intelixente' de toda Galicia.


|

Relatosaguainteligente


O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu este xoves a entrega dos premios da terceira edición do Certame Literario 'Relatos de auga intelixente' convocado por ViAQUA no ámbito dos concellos galegos en que xestiona o servizo de augas.


As galardoadas, todas mulleres e todas compostelás, asistiron á entrega acompañadas de familia e profesores. Todas elas presentaron un 'relato de auga intelixente' no que fan unha interpretación literaria de tan prezado ben, e entre case 600 traballos, as súas creacións foron as máis sobresaíntes.


Os premios dividíanse en dúas categorías --ESO e Bacharel/FP--, cada unha das cales estaba dotada á súa vez con dous premios: un ipad mini para os dous primeiros clasificados e un ebook para os segundos. Un total de catro 'trofeos' que, entre todos os traballos presentados, foron recaer en Carmen, Noela, Tania e Raquel.


GAÑADORAS DA CATEGORÍA ESO


Entre os participantes máis novos resultaron gañadores dous relatos, os de Carmen Urrutia González-Fierro e Noela Sanjurjo Carballeira.


Carmen cursa 1º de ESO no IES Pontepedriña de Santiago, e resultou primeira clasificada da categoría de ESO polo seu relato 'Un balde de auga'.


"O meu relato ten forma de poema", comentaba Carmen esta mañá. "É un neno pobre que non ten auga, e ten que acudir todos días á Fonte dos Cabalos de Praterías para collela, pero ao non ser potable, o neno morre". A moralexa da historia de Carmen é a importancia da auga potable, tan importante para a nosa existencia. A profesora de Carmen, Mari Carmen García, mostrábase orgullosa da súa alumna posto que "competía con segundo, terceiro e cuarto da ESO", o cal non deixa de supoñer unha dificultade engadida que a gañadora non tivo dificultades en sortear: "Case non lle corrixín o relato, é todo mérito seu", comentaba a docente.


O segundo premio foi a parar a mans de Noela Sanjurjo Carballeira, do IES Antón Fraguas, que esta mañá non paraba de sorrir, acompañada da súa familia, o director do seu instituto e a súa profe de galego, que foi quen animou a Noela a presentarse. Ela di que o fío do seu relato é a necesidade de "concienciar máis aos adolescentes a que fagan un uso responsable da auga", a través dunha protagonista da súa mesma idade, que ben podería ser ela mesma.


CATEGORÍA BACHARELATO/FP


Na categoría máis veterana, o primeiro e segundo premio foron parar a mans de Tania Blanco Hernández e Raquel Aller Domínguez, respectivamente.


Tania, do IES La Salle de Santiago, estivo acompañada dos seus pais, que comentan que a primeira clasificada "xa ten outros premios" e que a súa "paixón pola literatura" vénlle de pequena. "Tiña unha fame insaciable de contos do seu pai", comentaba satisfeita a súa proxenitora. En palabras de Tania, o seu relato premiado conta a historia dunha nena "que mira desde a súa xanela e ve chover, e a través de cada pinga de auga imaxina a realidade do mundo". Ademais, desvela que o proceso de creación empezou á inversa: "primeiro ocorréuseme o final, e a partir de aí fiei o resto".


Xullo Masid, Director de Viaqua, foi quen entregou o premio á moza 'plumilla', quen ademais deu un discurso en representación das premiadas no que destacou a importancia de premios como o de Viaqua para manter viva a creación literaria entre os máis novos.


Pola súa banda, Raquel Aller, alumna do IES Xelmírez I, fíxose co segundo galardón cun relato de tinguiduras futuristas e apocalípticas. "A protagonista está no medio dunha inundación en Santiago e reflexiona sobre como chegamos a esta situación catastrófica" e continúa "ela atópase nun 'kaiak' no Obradoiro, e simplemente observa ao seu ao redor. Creo que podería ocorrer nun futuro". Aller decatouse de que gañara o premio mentres preparaba un exame: "estaba a estudar cando entrei no correo e vin que había un email que dicía 'noraboa'; foi unha grata sorpresa!


"UN DÍA DE ALEGRÍA"


Julio Masid, Director de Viaqua, tachou de "feito remarcable" que nesta edición as catro premiadas sexan de centros educativos da mesma cidade, e subliñou que isto debe ser "motivo de orgullo" para Santiago, pois "hai talento literario".


Ademais, recoñeceu as dificultades do xurado pola calidade e cantidade de relatos, o cal, asegurou, "engrandece o mérito das premiadas". O director de Viaqua aproveitou ademais para felicitar aos profesores dos centros que fan un labor de motivación importante "e nada fácil", á vez que destacou que o certame ten "vontade de consolidarse".


Manuel Dios pola súa banda felicitou ás gañadoras e subliñou o feito de que sexan todas mulleres, o cal, para o Concelleiro de Educación e Cidadanía "non é unha cuestión menor". Así, recoñeceu esta 'coincidencia' como unha proba de que, na loita pola igualdade, "facemos camiño cada día". 

relacionada Máis de 500 traballos de escolares compiten por ser os mellores 'Relatos de auga intelixente'

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE