Alumnos de Santiago aprenden o valor da auga a través do programa 'Aqualoxía'
Viaqua e o Concello de Santiago son os promotores desta iniciativa que pretende achegar aos nenos o valor e a necesidade de protección deste ben escaso.
O CEIP Raíña Fabiola de Santiago acolleu este luns a presentación do programa 'Aqualoxía', unha iniciativa promovida por Viaqua en colaboración co Concello que comprende actividades en escolas con recursos educativos que complementan o currículo escolar de Coñecemento do Medio e que ensinarán a un total de 330 alumnos "o valor da auga e a súa protección", segundo informaba o Director de Viaqua, José Antonio del Rey.
Esta mañá foi a quenda dos alumnos de terceiro curso de primaria, que grazas a voluntarios de Viaqua e por medio de experimentos prácticos, aprenderon a importancia de racionalizar o uso da auga.
O concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios, subliñou que esta é "unha actividade máis das que o Concello realiza con Viaqua", entre as que se engloban a exposición 'H2OH! Os secretos da auga da túa cidade', as visitas didácticas ás depuradoras de augas residuais ou os premios dos 'Relatos de Auga Intelixente' que se entregaron a semana pasada a catro alumnas compostelás e aos cales se presentaron un total de 561 microrrelatos.
Dios incidiu en que o obxectivo do programa 'Aqualoxía' é que os alumnos "reflexionen sobre o valor da auga". "Somos uns privilexiados" dixo, en relación non só á potabilidade da auga da billa senón tamén á súa calidade na capital de Galicia, onde Viaqua revalidou recentemente o seu selo de máxima calidade coa certificación internacional ISO 2200.
Escribe o teu comentario