A defensa do presunto asasino de Tatiana Vázquez pedirá de novo a súa liberdade
O letrado esgrime que non pode "permanecer máis tempo en prisión" porque a presunción de inocencia "hai que respectala e facela valer".
O avogado do cidadán senegalés que permanece en prisión provisional pola morte dunha muller, Tatiana Vázquez, en Lugo, volverá pedir a súa posta en liberdade.
O próximo 9 de abril cumprirase un ano de crime desta moza de 23 anos de idade, cuxo corpo apareceu con varias coiteladas no seu coche nun escampado do bario lucense de San Fiz.
Pouco despois foi detida a súa ex parella, un home de orixe senegalesa, que leva case un ano na prisión luguesa de Bonxe e que insiste en que non tivo nada que ver co crime.
O avogado do acusado, César Lodos, anunciou que "lamentablemente" van ter " que pedir outra vez a liberdade", porque esperaba que "se celebraría o xuízo canto antes e así poder demostrar a súa inocencia".
Lamentou que a "pesar de finalizar, o proceso de instrución quedou estancado por unha petición do Ministerio Fiscal á Policía". "Entendo que non pode permanecer máis tempo en prisión porque a presunción de inocencia, ademais de estar plasmada nun libriño, hai que respectala e facela valer", esgrimiu.
"NINGUNHA PROBA"
Lodos lembrou que "faltan poucos días para que se cumpra un ano" do crime e da entrada en prisión do seu cliente, sen que se atopase "ningunha proba".
Sobre o cidadán senegalés, acreditou que "está nunha situación psicolóxica bastante delicada", á vez que subliñou que segue "mantendo que non tivo absolutamente nada que ver". "E á parte de culpalo a el non entende que non se abra outra vía de investigación paralela, sobre todo polo ADN que apareceu á beira do vehículo", abundou.
Respecto de se o seu cliente ten algunha teoría, o letrado lucense di que "non", aínda que revelou que sempre que pode asegura: "Eu non sei en que demos andaba metida esta muller".
Finalmente aclarou que a demora se produce porque a Fiscalía pediu "unha simplificación do atestado, dado que é moi amplo con moitas conversacións de whatsapp e de Facebook incorporadas e pide unha simplificación".
"Entendo que iso non pode paralizar un procedemento de feitos tan graves como estes, cando está en xogo o esclarecemento dos feitos e para que se faga xustiza coa persoa en prisión que segue mantendo, a data de hoxe, e así o creo eu, que non tivo nada que ver con eses feitos", concluíu César Lodos.
Escribe o teu comentario